Pedíronche algunha vez xustificar a túa experiencia nun determinado traballo? Se é así, saberás que debes descargar a túa vida laboral para facelo. Pero non é a única situación; por exemplo, o número de días que estiveches de alta na Seguridade Social tamén importa para solicitar prestacións. Polo que, saber como solicitar a túa vida laboral con Clave PIN vaiche resultar de gran utilidade.
Témosche preparado un pequeno titorial para ti, ao que podes ir se tes dúbidas cando necesites descargar a túa vida laboral con Clave PIN.
Por que acceder á túa vida laboral con Clave PIN?
Porque é a maneira máis rápida de facelo, se non tes un certificado ou DNI electrónico, por exemplo.
Coa Clave PIN vas poder identificarte na administración electrónica cun usuario e un contrasinal temporal.
Cada vez que queiras facer un trámite, como pedir a túa vida laboral, só terás que solicitar o teu PIN para acceder á páxina web da Seguridade Social e descargar o informe. Así de simple.
Poderás acceder en calquera momento a ese histórico da túa carreira profesional grazas á Clave PIN.
Segue con atención a guía para pedir a túa vida laboral con Clave PIN.
Se é a túa primeira vez en Clave PIN
Nunca utilizaches o sistema clave para identificarte na sede electrónica da Administración? Pois terás que facer un rexistro inicial, só unha vez, non te preocupes.
E ese rexistro pódelo tramitar de varias formas, ben por internet ou de forma presencial nas Oficinas de Rexistro.
Se o fas de forma telemática, elixe entre:
- Solicitar unha videochamada.
- Recibir nunha carta de invitación o Código Seguro de Verificación.
- Rexistrarte co DNI electrónico ou certificado.
Como che diciamos, este rexistro só é necesario a primeira vez. Despois xa solicitas cando a necesites a túa Clave PIN para a túa vida laboral, por exemplo.
Pide e descarga a túa vida laboral con Clave PIN
Xa viches que a Clave PIN non deixa de ser un usuario e un contrasinal. Como os recibes para acceder ao informe de vida laboral?
Moi fácil. Para recibir o teu PIN tes dúas opcións: descargar a app Clave PIN para dispositivos Android ou iOS, ou vía SMS.
É o único que varía no proceso de acceso, o resto é igual. Contámoscho aquí debaixo:
- Se lle dás ao botón “Consultar vida laboral” levarache a unha páxina de identificación, onde terás que elixir Clave PIN.
- Ao pulsar “Clave PIN”, verás outra pantalla onde debes teclear o teu DNI e a súa data de validez.
- A continuación, dálle ao botón “Obter PIN”. Se queres personalizar o código que vas recibir, só tes que indicalo.
- No caso de que descargaras a app no móbil, abre a aplicación e recibirás aí o PIN.
- O código que recibas é o que debes meter na pantalla onde che quedaras, onde pon PIN. Xa ves que caduca en 10 minutos.
- No caso de que non teñas a app, despois dun anaco sairache a opción de solicitar o PIN por SMS.
- Chegarache ao móbil unha mensaxe como esta:
- E xa só che queda escribilo na caixa PIN para completar o acceso.
- Despois de meter o código, xa estarás dentro da túa vida laboral. O primeiro que mostra son os datos principais que lle constan á Tesourería Xeral da Seguridade Social.
- No seguinte bloque, verás a lista de empresas nas que estiveches dado de alta.
- E ao final verás a opción de “Descargar vida laboral”. Mira ben as carpetas do teu ordenador para ver o arquivo que descargaches en pdf.
Repite este proceso cada vez que necesites acceder á túa vida laboral con Clave PIN.
Lembra que o rexistro en Clave só tes que facelo unha vez.
Esperamos que esta guía che axude a xestionar os teus trámites por internet coa administración.