Se abrazar unha árbore é terapéutico, Galicia debe de ser o paraíso do benestar porque temos una chea. E moitos deles forman parte dos seis Parques Naturais que oficialmente están declarados na nosa terra. Dous na Coruña, tres en Ourense e un en Pontevedra.
Lembra que son espazos protexidos de gran valor natural que todos debemos coidar.
Estamos seguros de que así o farás, pero non está de máis lembralo 😉
Dito isto, cales son os seis Parques Naturais de Galicia?
Parque Natural Fragas do Eume
Aquí tes árbores para abrazar a moreas. E é que unha fraga é iso, un bosque con especies diferentes: carballos, bidueiros, castiñeiros... Moitos están dispostos ao pé do río Eume, duns cen quilómetros.
Este impresionante parque Fragas do Eume, na Coruña, esténdese por 9.000 hectáreas e limita con Pontedeume, Monfero e As Pontes.
Pero ademais da súa riqueza vexetal, esconde un tesouro, o impresionante mosterio de Caaveiro, ao que só podes acceder a pé. É unha subidiña curta, pero para chegar ata alí debes coller un autobús no Centro de Interpretación do parque, porque o paso de vehículos particulares está prohibido en determinadas tempadas do ano.
E se estás en forma, o máis recomendable é percorrer o parque camiñando para gozar deste bosque atlántico máxico.
Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán
Aquí non hai árbores, pero si unha gran duna móbil de máis de 1 quilómetro, 250 metros de ancho e 20 metros de altura.
As dunas e a praia de Corrubedo, xunto coas lagoas de Vixán e a de Carregal, forman este parque natural situado entre as rías de Arousa e a de Muros e Noia, no Concello de Ribeira (provincia da Coruña).
Non sorprende que sexa o parque máis visitado de Galicia, pola súa riqueza de flora e fauna. Por iso extrémanse as precaucións para garantir a súa conservación.
Para iso, atoparás unha rede de camiños para evitar acceder ás dunas e que estas non se deterioren. Daranche toda a información de rutas e carreiros no Centro de Recepción de Visitantes no Vilar.
Así como lugares imprescindibles para ver, como o miradoiro de Castro da Cidá, que ten unhas vistas espectaculares da costa.
Parque Natural Monte Aloia
Se queres ver a mellor panorámica do río Miño, achégate ao Parque Natural Monte Aloia.
O primeiro Parque Natural de Galicia, situado en Pontevedra, esténdese ao longo de 746 hectáreas e ten o seu punto máis elevado no alto de San Xiao (631 metros).
Este tesouro natural atópase no límite sur da Serra do Galiñeiro e no seu Centro de Interpretación da Natureza Casa Forestal Enxeñeiro Areses, en Tui, contaranche todo o que podes ver no parque.
Camiñar polos seus 8 itinerarios sinalizados, facer un pícnic nas súas zonas preparadas para xantar, ver os restos arqueolóxicos da Muralla Ciclópea ou facer “fotóns” nun dos seus 6 miradoiros.
Como che diciamos, o máis espectacular atópase no Alto de San Xiao, onde verás o esplendor do río Miño dividindo a terra con Portugal.
Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés
E seguimos á beira de Portugal, pero agora limitando coa provincia de Ourense. Alí atópase o Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés, que continúa no país veciño baixo o nome de Parque Nacional Peneda- Gerês.
Esténdese por 30.000 hectáreas, o que lle fai ser o máis grande de Galicia.
Pero non te asustes porque no Centro de Interpretación do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, en Lobios, vanche dar todos os detalles para non perderte.
Podes percorrer o parque para gozar da paisaxe granítica a través de 11 rutas de sendeirismo (130 km acondicionados).
No teu camiño atoparaste coa fervenza da Fecha, a ermida da Clamadoira, o balcón de Entrimo, o antigo trazado da Vía Nova romana...
Tamén podes darte un mergullo nas súas moitas pozas, pero ollo de non te conxelar, que a auga está que curta.
Recomendámosche tamén visitar a “raia seca” e Portela de Home ou as aldeas do Couto Mixto.
Parque Natural O Invernadeiro
Non existe poboación algunha neste Parque Natural O Invernadeiro, situado no Macizo Central ourensán. E para poder acceder, debes pedir permiso previamente e percorrer a pé as 6 rutas sinalizadas.
O que vas atopar é unha paisaxe de montañas e rochas ao longo de 6.000 hectáreas, con altitudes de ata 1.500 metros.
Toda esta extensión do Parque Natural está integramente no concello de Vilariño de Conso. O Macizo Central alcanza a área montañosa das comarcas centrais ourensás, nos concellos do Bolo, Chandrexa de Queixa, Laza, Manzaneda, A Pobra de Trives, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Quiroga, Larouco e Montederramo.
Parque Natural Serra da Enciña da Lastra
A aciñeira dálle nome a este parque, pero tamén poderás ver sobreiras, amendoeiras ou castiñeiros neste paraíso natural do Sil.
A Serra de Lastra conta con 3.151 hectáreas, 10 sendas acondicionadas e sinalizadas, ademais de 9 miradoiros con vistas espectaculares: Caprada en Oulego, Alta da Escrita en Biobra, Tanque de Covas ou Portela en Vilardesilva.
Pero, sen dúbida, o que chama a atención son as súas “palas”, grutas con estalactitas e estalagmitas que son reclamo para os visitantes. Ollo, que tamén albergan as maiores colonias de morcegos.
O Parque Natural Serra da Enciña da Lastra, en Ourense, conta con zonas de acceso restrinxido, así que convén que te informes na Oficina-Centro de Visitantes do parque en Biobra.
Polo demais, atópase no concello de Rubiá, pertencente á comarca ourensá de Valdeorras.
E é un tesouro natural que debes coñecer.
Porque todos estes parques galegos son o noso mellor patrimonio natural.
Goza dunha escapadela á montaña ou á praia.
E, sobre todo, cóntanos, que temos intriga: Abrazaches xa unha árbore?