Queres coñecer un deses lugares máxicos que temos en Galicia? A Fraga Máxica da Cortiña é un parque con esculturas de madeira con forma de seres míticos. Contámosche como é e que ver na Fraga Máxica de San Sadurniño.
No paseo fluvial do río Xubia, no concello de San Sadurniño, atópase a Fraga Máxica da Cortiña. Alí, en pleno bosque de loureiros, carballos e castiñeiros, espérannos criaturas máxicas talladas artesanalmente en madeira.
Un lugar para desconectar e gozar da natureza deixándose levar pola imaxinación.
Unha fraga máxica para San Sadurniño

A Fraga Máxica da Cortiña nace fai uns quince anos coa intención de ser un lugar representativo de oito tipos de bosque autóctono existentes en Galicia.
O Concello de San Sadurniño pediu aos artistas locais de 2Duendes, Carlos García e Mariña Goti, un parque en pleno arboredo da Cortiña que estivese en sintonía coa contorna natural. Así que botaron man da súa creatividade e converteron un crebacabezas de madeiros e táboas nun lugar máxico repleto de trasgos, personaxes de conto e animais míticos.
A día de hoxe, converteuse nun lugar ideal para achegar a natureza aos nenos mentres xogan e se divirten. Como di o seu cartel, "Corre, salta, dá pinchacarneiros na herba, batuxa no barro, observa aos bichos e plantas…"
Como é a Fraga Máxica de Cortiña
A Fraga Máxica de San Sadurniño é o resultado de catro meses pelando, cortando, puíndo e ensamblando madeira.
Dese intenso traballo sae un auténtico museo natural ao aire libre; un bosque poboado por esculturas de madeira con forma de todo tipo de seres máxicos que ocupa entre 2 e 3 quilómetros de espazo e forma parte do proxecto ambiental Arboredo galego da Cortiña (á súa vez, incluído na Rede Natura 2000).
A talla das esculturas realizouse con motoserra a partires de troncos secos de castiñeiro, carballo, ciprés e acacia. Así xurdiron Pinocho, o camiñante Andimundi, o xigante Pizpitirigüete, Groot ou o Gardián do Bosque. E unha chea de casiñas de madeira, trasgos, gnomos, dragóns e animais míticos.
Unha das máis procuradas é a Deusa Navia, á que atoparás no Pozo dos Donceis, unha popular fosa onde sitúa a lenda a unha fada que só aparece nas noites de lúa chea recitando versos para abrir a porta dourada á máxica contorna.
Ademais de esculturas, tamén hai zonas de xogos infantís, pasarelas, camiños e un circuíto de troncos ideal para practicar o equilibrio (nenos e maiores).
Ao redor da Fraga Máxica podes ver varios animais, como ocas, patos, galiñas ou cabalos.
Roteiro pola Fraga Máxica da Cortiña

A Fraga Máxica da Cortiña é tamén o punto de inicio dun roteiro polo paseo fluvial do río Xubia, popularmente coñecido como "Paseo das Infantas".
Un sendeiro duns 3 quilómetros de fácil percorrido perfecto para realizar en familia, con zonas de baño, pasarelas de madeira e pontes en pleno bosque. Ao teu redor, todo un xardín botánico e mesmo árbores froiteiras. O lugar está, ademais, perfectamente acondicionado con mesas para a merenda e bancos.
E, de paso, podes aprender máis sobre os nosos bosques, xa que moitas das árbores contan con carteis informativos. Ou avistar algún que outro merlo ou paporrubio, habituais na zona.
Como chegar á Fraga Máxica da Cortiña

A Fraga Máxica da Cortiña está no concello de San Sadurniño, na comarca de Ferrolterra. As dúas vías principais de acceso son a AC-862 Ferrol-Ortigueira e a autovía AG-64 Ferrol-Vilalba.
Atoparás a Fraga á beira do río Xubia. Na zona hai un aparcadoiro gratuíto e amplo no que podes deixar o teu coche para percorrer o parque e o paseo anexo.
Trátase dun lugar perfecto para gozar dunha excursión campestre ou dunha merenda.
Outra opción é achegarte ao Mesón A Granxa. Con boa comida e unha área recreativa para os pequenos en sintonía con toda a Fraga (obra dos mesmos creadores), con randeeiras e ata un barco pirata.
Se che apetece pasar un día moi especial, visita a Fraga Máxica da Cortiña, un dos parques infantís máis orixinais e bonitos de Galicia.
Imaxe cabeceira: Mancomunidade de Concellos de Ferrol.