A que te miraron mal cando, fóra de Galicia, dicías que o pan estaba reseso? A todos nos pasou. Dicir que o pan está ‘revenido’ para un galego é case imposible. Hai palabras ou expresións galegas que teñen un sentido tan difícil de explicar, de traducir ou que están tan interiorizadas só as entendemos nós ou non sabemos como dicilas doutro xeito.
Imos falar dalgunhas frases galegas con retranca, expresións galegas bonitas, como Nunca choveu que non escampara, ou expresións típicas galegas, que están máis de moda que nunca como Marcho que teño que marchar.
Quen non lembra frases típicas galegas como Vai rañala, raparigo na dobraxe da película Terminator na TVG. Fíxose épica e seguímola utilizando hoxe en día.
É que moitas destas expresións galegas fixéronse universais e aínda que saísen das nosas fronteiras, os de fóra non acaban de entendelas ou poden levarlles a equívocos.
Ademais, teñen algúns matices que tentaremos explicar e que, ás veces, son difíciles de traducir. Cantas destas expresión galegas típicas usas a diario?
Marcho que teño que marchar
É unha das frases típicas galegas que se di cando nos imos dalgún sitio, aclarando que marchamos non porque nos boten fóra, senón porque marchamos porque temos que facelo, é obrigatorio para nós por outros motivos.
Nunca choveu que non escampara
O carácter positivo dos galegos (ou de sufrimento, segundo os momentos) fai que teñamos frases coma esta, que quere dicir que os malos tempos non duran para sempre, que teñen un final (e chegará tarde ou cedo). É unha desas expresións galegas bonitas, non crees?
A rañala!
Das expresións típicas galegas que máis se escoitan. Basicamente dise esta expresión para manda a pasear a alguén que nos molesta, ou tamén se pode empregar en lugar de mandar a “facer puñetas”. Outro significado moi utilizado é como punto final dunha discusión, tanto para desfacerse de alguén molesto como para rematar a conversación con alguén que é moi molesto.
Trapalladas!
No top de expresións galegas típicas, moi utilizada polos galegos e polas galegas para sacarlle ferro a un asunto. Unha "trapallada" refírese a algo que ten moi pouca importancia. Pero, ademais, tamén se emprega para falar de algo mal feito, un traballo errado, pero feito intencionadamente, polo que ten unha connotación negativa cara a quen o fixo. E esa persoa que o fixo é a “trapalleira”.
Caer da burra
Se alguén se dá conta dun erro moi evidente que cometeu ou fixo, dise "caeu da burra". Digamos que se está a dar conta, por fin (e o último), de algo que non se conseguía entender aínda que os demais o tiñan moi claro. Unha das frases galegas con retranca máis usadas.
Ser máis listo que un allo
Esta frase dise das persoas que son moi intelixentes (nivel de Deus). E ademais a comparación está moi ben feita, porque o allo é todo cabeza e de aí a alusión a este alimento para referirse a alguén intelixente, que ten cabeza.
Chegar e encher
É o que todos buscamos, algo así coma a versión festiva e non relixiosa de “chegar e bicar o santo”, é dicir, conseguíchelo á primeira e sen o esforzo esperado.
Malo será
Curiosamente os galegos temos un espírito positivo e non, non dicimos que esperemos o mal de ninguén. O que se di con esta frase é que, aínda que haxa adversidades, sempre hai maneira de saír adiante. É ou non é unha desas expresións galegas bonitas que usas a diario?
Ser un toxo
Aquí non hai interpretacións. Non te están a definir coma unha rosa, bonita pero con espiñas. Non. "Ser un toxo" é ser túzaro, malhumorado, retraído. Cómpre dicir que se está a espallar unha variante desta frase: "ser un toxiño" que, coma sempre, o sufixo matiza a frase orixinal, e dise da persoa que, aínda que é túzara, é “apertable”... coñecías esta frase galega con retranca?
Outra vaca no millo
Esta frase galega engloba moita información, xa que expresa que unha persoa actúa igual de mal que outra ou que xa fixo o mesmo que outra antes. Pode ser o equivalente a “outro que tal baila” ou “eramos poucos e pariu a avoa!”. Hai outra expresión moi semellante en castelán: “otra vez la burra al trigo”; pero ten moita máis retranca a frase en galego.
Non sexa o demo
Frase a medias entre a superstición e a previsión. Os galegos queremos telo todo ben atado e, para non arriscar innecesariamente, é mellor evitalo para que non pase nada. Así que vemos todas as posibilidades e, “non sexa o demo” hai que deixar todo ben atado. Algo así coma toca madeira.
Morra o conto
Non hai mellor forma de rematar ou concluír unha conversa. Así remata e pecha calquera conversa ou discusión posible. Dicindo "morra o conto" un galego remata a charla e sen aparentes problemas, todo de bo humor. Sería algo parecido a “deixámolo aquí e todos/as contentos”. É unha desas expresións típicas galegas que repiten moito as nais 😉.
Tarde piaches
Aquí non hai dúbidas, é un “chegas tarde” en toda regra. Xa podes insistir o que queiras que, se isto cho di un galego, non hai posibilidade ningunha de reclamación ou queixa. Seguramente aprenderás que a próxima vez terás que “chiar” antes.
Éche o que hai
Está entre as frases típicas galegas máis utilizadas. Con esta expresión comunicamos que a situación é así e non hai máis que facerlle ou falar. Os galegos aprendemos a aceptar todo o que vén. Uns din resignación, outros aceptación... o debate está aberto.
Onde vai!
Non, non preguntamos a onde se dirixe ninguén. É unha expresión galega que significa que hai moito tempo diso. “Choveu moito dende iso” sería un equivalente.
E logo?
Se alguén está a comentar algo que sorprende ao seu interlocutor, pode dicirche en galego: “e logo?”, que traducido ao español sería “¿y después?”, pero non ten nada que ver co que pasará despois ou deseguido. Basicamente estache a preguntar por que. Sería algo así como o “e iso?” que che preguntaría calquera castelanfalante. Non me digas que non é unha desas expresións galegas típicas que nos definen.
Galiña vella fai bo caldo
O que se di aquí é que a veteranía é algo positivo. Do mesmo xeito que unha galiña vella lle dá sabor ao caldo, as persoas maiores teñen moito que achegar pola súa experiencia. Os galegos sempre valoramos aos de máis idade e aquí está o exemplo.
Se chove que chova
O tempo, a pesar do cambio climático e do sol actual, nunca foi moi bo en Galicia. Así que, para nós, o tempo chuvioso ou frío non debe ser un impedimento para os nosos plans, así que sempre faremos o que queremos e “se chove que chova”... Todo nun sentido metafórico...
Quedar coma un Pepe
Aquí non temos que buscar un Xosé ao noso redor nin na familia. Esta frase significa estar satisfeito despois de comer. Todo de bo grao.
É un miñaxoia
Un adxectivo para aquelas persoas que non teñen maldade nin astucia, é dicir, que lles falta unha fervuriña no que se refire ao carácter... é mellor non ser “un miñaxoia”.
Seleccionamos só algunas expresión galegas, pero de seguro que ti tes moitas máis.