A partir de hoxe é de obrigado cumprimento o novo Regulamento de Protección de Datos ( RGPD). O GDPR, son as súas correspondentes siglas en inglés, substituirá á actual normativa vixente nos 28 estados da Unión Europea.

A partir deste momento, os cidadáns terán máis control sobre os dereitos en canto ao tratamento dos seus datos persoais por parte das empresas públicas e privadas.

Pero ollo, esta nova lexislación non soamente afectará a empresas situadas na Unión Europea, senón que tamén o fará a todo tipo de empresas que ofrezan os seus servizos aos cidadáns e residentes nos 28 estados da UE.

Dous anos para poñerse as pilas

O RGPD entrou en vigor o 25 de maio de 2016 e as autoridades competentes deixaron dous anos de marxe para que todas as empresas se fosen. E agora chegou o momento da verdade.

Seguramente estas últimas semanas non paras de recibir correos das webs e blogues aos que estás subscrito pedindo que aceptes as novas condicións. En caso contrario, veranse obrigados a darche de baixa da súa base de datos. O motivo deste bombardeo é a adaptación á nova situación legal.

No caso de que ti sexas o encargado de xestionar a protección de datos da túa empresa ou negocio esperamos que xa fixeses os deberes e teñas todo en orde de acordo á nova lei.

E se es un cidadán do montón continuación contámosche as claves do RGPD.

Claves do RGPD

  • Consentimento inequívoco: os usuarios deben dar un consentimento libre, específico, informado e inequívoco, para unha finalidade concreta e mediante unha declaración ou unha acción afirmativa.
  • Transparencia na información: as empresas deben enviar unhas solicitudes nas que se expliquen detallada e claramente o motivo e o obxectivo polo cal se piden os datos aos usuarios.
  • Dereito ao esquecemento: é o dereito que terán os usuarios para cancelar, borrar e eliminar os seus datos que estean en posesión de terceiros.
  • Dereito á limitación no tratamento: é o dereito que terán os usuarios para limitar o uso dos seus datos por terceiros. É dicir, as empresas pódense quedar cos seus datos, pero en ningún momento utilizalos para outros fins.
  • Dereito á portabilidade: é o dereito dos usuarios para obter os datos que facilitaron a unha empresa nun formato accesible.
  • Principio de responsabilidade proactiva: as persoas encargadas da política de protección de datos dunha empresa ou organización deben ter unha actitude consciente e proactiva sobre este tema.

Obxectivo cumprido

Co RGPD establecerase unha normativa de criterio único en toda a Unión Europea co obxectivo principal de protexer aos usuarios.

A partir de agora terás que deixar de recibir publicidade nas canles de comunicación cos que interactúas polo simple feito de rexistrarche nunha web, inscribirte nunha organización deportiva ou participar nun evento.

E as empresas e organizacións que non cumpran este regulamento veranse expostas a sancións de ata 20 millóns de euros ou ata o 4% da facturación anual do infractor.

Lembra que podes seguir a nosas novidades en Twitter, Facebook, Instagram e na nosa canle de Telegram.

Ata a próxima!

imaxe de unsplash.com/@tirzavandijk