Windows 10 queda sen soporte, así que toca migración a Windows 11. Todo un desafío para moitas empresas, que deben revisar cales son as súas necesidades e cales as alternativas.
Microsoft anunciou que o soporte para Windows 10 finaliza en outubro de 2025. Así que, a partir dese momento, os equipos con Windows 10 seguirán funcionando pero non recibirán máis actualizacións de seguridade, correccións nin soporte técnico. En concreto, este fin de soporte lles afecta ás edicións Home, Pro, Enterprise e Education de Windows 10.
Como afecta o fin do soporte de Windows 10 a usuarios/as finais e empresas?
Ao non recibir máis parches de seguridade, os dispositivos con Windows 10 serán vulnerables a virus, malware ou calquera tipo de ciberataque.
Doutra banda, as aplicacións poden empezar a fallar ou volverse incompatibles e experimentar problemas de rendemento ou fiabilidade. E o soporte técnico estándar de Microsoft xa non servirá de axuda, pois deixará de estar dispoñible.
Ante esta situación, que facer se temos equipos con Windows 10?
Sempre que o equipo sexa compatible recoméndase actualizar a Windows 11, que xa inclúe importantes melloras en seguridade como antivirus integrado ou firewall.
Para os equipos que non cumpren cos requisitos de hardware necesarios para migrar a Windows 11 ofrécese un programa de Actualizacións de seguridade estendidas (ESU). Unha medida temporal que garante actualizacións de seguridade ata outubro de 2028 para lle dar máis tempo á migración a Windows 11.
Outra opción interesante é aproveitar para renovar o equipamento e mesmo o modelo de xestión do posto de traballo a servizos como WaaS (Workplace as a Service), que son solucións a medida para a xestión do ciclo de vida completo do equipamento, ferramentas e atención aos/ás usuarios/as, asegurando así a renovación tecnolóxica e a experiencia do/a usuario/a.
Retos das empresas ante a migración a Windows 11
Non hai dúbida de que a migración a Windows 11 supón un reto para moitas organizacións.
En todo caso, implica planificación, comprobar a compatibilidade de aplicacións e formar os/as usuarios/as. E moi importante: realizar copia de seguridade dos datos antes da migración.
En primeiro lugar, hai que verificar se o equipo é compatible con Windows 11. Para iso, hai dúas opcións:
• Utilizar a ferramenta de comprobación de estado do PC de Microsoft ou consultar os requisitos na páxina oficial de Microsoft.
• Realizar unha auditoría do hardware para confirmar que é compatible con Windows 11.
Os principais requisitos que son necesarios para migrar a Windows 11 son:
• Procesador (CPU) de polo menos 1 Ghz e dous ou máis núcleos.
• Memoria RAM de mínimo 4 GB.
• Polo menos 64 GB de espazo libre de almacenamento.
• Firmware do sistema con UEFI e compatible con Secure Boot.
• Tarxeta gráfica compatible con DirectX 12 ou posterior.
• Pantalla con resolución mínima de 720p.
Ademais, algunhas funcións específicas poden requirir hardware adicional, máis aló destes requisitos mínimos.
En todo caso, supón un reto para as empresas pero tamén unha maneira de actualizarse e reforzar a seguridade nunha contorna dixitalizada.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co/coa teu/tçua asesor/a persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario. E para estar ao día das últimas noticias síguenos en LinkedIn.
