Chegou o momento da “temida” volta á oficina. Xa terminaron as vacacións e seguramente tamén a xornada intensiva de verán, se es dos afortunados que a puideron desfrutar .
Ata o momento no que te habitúas á rutina laboral vives uns días nos que pareces un zombi con bastante desorde mental. Pero non te preocupes, imos dar algúns trucos para levar a “volta ao cole” da mellor forma posible.
Horas de sono
Procura establecer unhas rutinas de sono canto antes. Agora xa non é tan difícil ir para cama, xa anoitece antes, así que tenta ir durmir antes para afrontar a nova xornada descansado.
Se es dos que lle custa ir para a cama, pero polas mañás che quedan pegadas as sabas , tenta ler un libro que che enganche ou ver unha serie antes de ir durmir e xa verás como o sono irá vencendo aos poucos nesta situación de relax.
Se queres controlar o teu sono, podes botar man da app Sleep Cycle, dispoñible para Android e iOS. A través do micrófono e sensores de movemento do teu móbil esta aplicación monitora se espertas ao longo da noite e en que fase do sono estás. Cos datos obtidos poderás mellorar a calidade do teu sono.
Exercicio físico
Aínda que non o creas, no verán fixeches algo de exercicio físico, aínda que soamente fose baixar á praia ou camiñar pola area. Agora debes seguir facéndoo, pero doutra forma.
Non te acomodes nunha vida sedentaria na casa e na oficina. Debes establecer unhas rutinas de exercicio físico, pero tranki, non fai falla que te apuntes ao ximnasio, podes empezar por ir camiñando ao traballo, e se non saes moi canso, vir de volta . E senón en bicicleta ou en monopatín, que tanto está de moda.
Aproveita que fai moi bo tempo aínda para facer deportes ao aire libre que che manterán máis activo, xa haberá tempo de apuntarse ao ximnasio.
Debes ter coidado coas contracturas, ao estar tan tempo sentado ou na mesma postura hai máis probabilidades de que os teus músculos se contraturen. Para evitalas, móvete cada hora para estirar as pernas e as costas e ao empezar e finalizar a xornada laboral tenta facer exercicios de estiramento para preparar aos teus músculos para as posturas que lles esperan.
Alimentación
Coa tensión da oficina poida que esquezas detalles importantes como a alimentación. Non esquezas hidratarte ao longo de todo o día, axudarache a estar máis esperto e concentrado.
E se es dos que comen no teu lugar de traballo, esquece a idea para comer de bocadillo ou pratos precociñados e fritos. Fai o esforzo de preparar un tupper o día antes con algo que a ti che guste e que sexa saudable. Non é tan difícil! Aquí tes algunhas receitas para levar a túa propia comida á oficina.
Lecer
Ao longo da semana laboral garda un oco para os teus amigos ou para facer o que che faga verdadeiramente feliz. O día ten 24 horas, e se te organizas ben dá para moito.
Lembra que podes seguir a nosas novidades en Twitter, Facebook, Instagram e na nosa canle de Telegram.
E ti, con que trucos combates a volta ao traballo?
Ata a próxima!
imaxe de unsplash.com/@benwhitephotography