Santiago converterase en novembro no epicentro do movemento maker. A Cidade da Cultura de Galicia volve acoller o Maker Faire Galicia, que chega á súa 4ª edición, entre os días 23 e 25 de novembro.

Os mellores creadores daranse cita para mostrar as súas propostas innovadoras e coñecer as dunha comunidade que non para de crecer. Dende a súa creación no 2006 en San Francisco, a Maker Faire consolidouse e Galicia converteuse nun punto de referencia.

A feira terá unha xornada enfocada exclusivamente ao sector profesional da industria 4.0 e o movemento maker o venres 23 de novembro. O sábado e domingo, o público xeral poderá achegarse a desfrutar de talleres, charlas, actuacións ou campionatos.

Primeiras confirmacións

O deseñador francés Gael Langevin, coñecido por ser o creador do primeiro robot humanoide de código aberto, estará este ano na Maker Faire Galicia 2018. Non perdas a oportunidade de coñecer a InMoov, o primeiro robot a tamaño real impreso en código aberto en 3D.

No Maker Faire coñeceremos tamén unha historia de superación única, a de David Aguilar. Unha malformación no brazo levouno con 9 anos a construír o seu propio brazo a partir de pezas de lego, compoñentes doutros xoguetes robóticos e unhas pinzas.

Aos 18, crea o primeiro brazo articulado completo a partir das pezas dun helicóptero de xoguete da súa marca favorita.

E controvertida será a charla de José Luís Cordeiro, enxeñeiro do MIT e coautor de “La muerte tras la muerte”. As súas ideas sobre como a tecnoloxía deterá o envellecemento non deixarán indiferente a ninguén.

Aquí tedes un resumo da última edición. Non o perdades:

Lembra que podes seguir a nosas novidades en Twitter, Facebook, Instagram e na nosa canle de Telegram.

Ata pronto!