Estás preparado para as rebaixas? Definiches a estratexia do teu negocio para esta campaña comercial?
Antes de responder estas dúas preguntas, debes elaborar un estudo de mercado para coñecer que é o que lle interesa aos teus clientes actuais e potenciais e que é o que ofrece a competencia. Unha vez que o fagas, poderás responder estas dúas preguntas e descubrirás se che compensa apostar polas rebaixas.
A continuación, dámosche tres consellos a ter en conta á hora de ofrecer rebaixas.
As rebaixas funcionan como reclamo, verdade da boa
Todo a metade de prezo, segunda unidade gratis, liquidación de tempada… Funciona. Comprar algo rebaixado xera satisfacción no consumidor.
As rebaixas non teñen por que aplicar a todo o teu negocio, podes ter desconto só nos produtos que queres liquidar.
Se as marxes do teu negocio non che permiten sumarte ao “todo ao 50%”, podes pensar en regalar un produto pola compra doutro, ofrecer mostras doutros produtos ou obsequiar aos teus clientes con algo exclusivo para a campaña de rebaixas.
En calquera caso, é importante que sexas coherente coa túa política de prezos e coa duración do período de rebaixas.
As rebaixas mellor cunha boa estratexia
Ten en conta que non todas as estratexias funcionan igual en todos os negocios. Se es unha enorme multinacional, os teus clientes esperan de ti grandes descontos. Pero se o teu negocio é máis modesto e non sente a presión do fast fashion, poida que os teus clientes esperen algo distinto de ti. Por iso é fundamental:
- que teñas claro o público ao que che dirixes. Estar seguro de quen é o teu público obxectivo permitirache marcar unha política de prezos adecuada ás súas expectativas e respectuosa co teu negocio.
- que definas os obxectivos cualitativos e cuantitativos da campaña que vas facer. É imposible deseñar unha campaña se non se sabe que se espera conseguir.
- que penses como vas contarlle aos teus clientes todo o que vas facer no teu negocio durante a campaña de rebaixas.
Se non defines a túa estratexia, dificilmente poderás gañar durante a campaña de rebaixas. Non importa que fagas algo distinto aos demais sempre que sexa coherente co teu público obxectivo.
Non deixes de aloumiñar aos teus clientes en rebaixas
Durante as rebaixas as tendas están revoltas, as bolsas son de peor calidade e os dependentes están tan saturados que parece que tes que dar as grazas por comprar.
Non é necesario que deixes de consentir os teus clientes porque haxa un desconto. De feito, pode ser unha boa oportunidade para premiar a súa fidelidade. Por exemplo, podes organizar unhas rebaixas a porta pechada e convidar só os teus mellores clientes ou sumar outras ofertas para premiar a súa fidelidade.
Non deixes que a campaña de rebaixas che faga descoidar a túa marca, segue coidando os detalles para que os teus clientes non esquezan que comprando na túa tenda levan algo especial.
As rebaixas son unha oportunidade para incrementar as túas vendas, pero coa estratexia equivocada poden converterse nunha ameaza. Sé estrito coa túa política de prezos, non esquezas os teus clientes e decide as accións que levarás a cabo en función dos obxectivos que queiras alcanzar.
Lembra que podes seguir a nosas novidades en Twitter, Facebook, Instagram e na nosa canle de Telegram.
Ata a próxima!
Imaxe de unsplash. com/@rawpixel