Xa tes a idea que vai axitar o mundo empresarial? Detectaches unha oportunidade de mercado e queres pola en marcha? Telo claro, estás decidido a sufrir e triunfar a partes iguais como emprendedor...? Se vas montar a túa propia empresa, toma nota... Estes son os dez lugares que terás que visitar para facer realidade o teu soño.
Unidade Galicia Emprende
Se vas montar a túa empresa en Galicia, non desaproveites a axuda que che brinda, de xeito gratuíto, a administración. Dende 2013 funcionan na nosa comunidade as unidades Galicia Emprende, que a través de Internet ou presencialmente nas catro provincias avalían dende a túa idea de negocio ata o plan de viabilidade da túa empresa.
Non te cortes ao preguntar! Poden asesorarte sobre a fórmula xurídica máis axeitada para o teu negocio, contarche exemplos de empresas exitosas no ramo ou axudarche a constituír telematicamente a túa compañía. Estas unidades de asesoramento a emprendedores poranche en contacto cun dos seus axentes colaboradores, que acostuman ser asociacións sen ánimo de lucro que axudan a empresas (cámaras de comercio ou organizacións de empresarios). Se queres comezar a recibir asesoramento, consulta na páxina do Igape cal é a oficina máis próxima. Só precisarás papel e boli para apuntar todas as túas dúbidas!
Rexistro mercantil
Se optaches por estrearte no universo emprendedor como unha sociedade limitada, un dos primeiros lugares que terás que visitar é o Rexistro Mercantil. Alí deberás tramitar unha certificación negativa do nome que elixiches para a túa empresa. Aínda que penses que fuches súper orixinal escollendo nome, deberás comprobar que esa denominación non está a ser empregada.
No caso das sociedades limitadas, terás que voltar visitar o Rexistro Mercantil para rexistrar a empresa unha vez a teñas constituída perante notario.
Notaría
A seguinte parada será a notaría. Se optaches por crear unha sociedade limitada terás que constituír a sociedade perante notario.
Consellería de Facenda
No caso de sociedades limitadas, deberás liquidar o Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados na delegación da Consellería da túa provincia.
Axencia Tributaria
Tanto se optaches pola fórmula da sociedade coma se es un autónomo, deberás comunicar o teu inicio de actividade á AEAT dándote de alta no censo de empresarios. Ademais, no caso das sociedades limitadas deberás solicitar antes o CIF e liquidar o Imposto sobre Actividades Económicas.
Seguridade Social
Se es autónomo deberás darte de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos e inscribir a empresa na Tesourería territorial, que che proporcionará un Código de Conta de Cotización. Tamén as sociedades limitadas deberán obter o número identificativo de afiliación á Seguridade Social e dar de alta aos socios ou administradores.
Consellería de Traballo
A apertura do negocio debe ser comunicada á delegación da Consellería de Traballo, tanto no caso de autónomos como no de empresas.
Inspección Provincial de Traballo
Todas as empresas están obrigadas a ter en cada centro de traballo un Libro de Visitas que deberán dar de alta na Inspección de Traballo. Este documento deberá estar a disposición dos inspectores de Traballo e Seguridade Social de xeito permanente.
Concello
É a administración encargada de conceder a licenza de obras -no caso de que precise realizar unha remodelación do centro de traballo- e a encargada de emitir a licenza de apertura.
Oficina Española de Patentes e Marcas
Visita obrigada se queres protexer signos distintivos da túa empresa. Lembra que podes rexistrar tanto a túa marca como o teu nome comercial. Se confías na túa idea de negocio non esquezas este trámite para “apropiarte” dela de xeito legal.
Se che asusta este 'tour' administrativo, anímate a constituír a túa empresa telematicamente. No caso de sociedade limitada ou autónomo, dende 2010 é posible creala por Internet. A túa empresa pode estar constituída en once días de media, ou ao día seguinte se es autónomo.
Non deixes que a soidade que implican os trámites electrónicos che fagan desistir! Podes acudir a un Punto de Asesoramento ao Emprendedor dependente do Igape, onde te asesorarán para constituír telematicamente a túa empresa se optas por unha Sociedade de Responsabilidade Limitada ou unha Sociedade Limitada Nova Empresa. Ti elixes, ou 'tour' presencial ou 'tour' virtual, pero non deixes que a tramitación faga descarrilar o teu soño.