As retransmisións deportivas, o vehículo autónomo ou a loita contra o lume son algúns dos ámbitos de aplicación da tecnoloxía 5G nos que traballa R. Falamos con Isidro Fernández de la Calle, director de Empresas de R, sobre as vantaxes e usos desta nova xeración de redes móbiles.
- A tecnoloxía 5G é a quinta xeración de redes móbiles, que a diferenza das redes precedentes?
O 5G tráenos, fundamentalmente, tres vantaxes: velocidade, menor latencia e o cambio dunha rede móbil de persoas a unha rede móbil de persoas e cousas.
Imos por partes. En primeiro lugar poderemos alcanzar velocidades superiores ao xigabyte por segundo, algo que ata o de agora só conseguía a rede de fibra.
En segundo lugar, redúcese o tempo que tarda a información en chegar ao destino dende que se xenera.
Isidro Fernández: "Coa tecnoloxía 5G pasamos dunha rede móbil de persoas a unha rede móbil de persoas e cousas"
E o terceiro gran punto sería que imos pasar dunha rede móbil de persoas a unha rede móbil de persoas e de cousas. Así que, a partir de agora, o número de cousas conectadas á rede móbil vai ser infinitamente superior ao número de persoas.
- En concreto, que lles achega a tecnoloxía 5G ás empresas?
Coa tecnoloxía 5G as empresas van poder ter redes móbiles privadas con prestacións similares ás que actualmente dan as redes fixas, con calidade de servizo e contorna de seguridade para as súas telecomunicacións.
E eu destacaría un aspecto que vexo tremendamente transformador. Outras empresas, que non son operadoras de telecomunicacións, poderán utilizar esa rede dun modo simple e van consumila a través do software. O cambio é enorme, xa que se poderá utilizar unha rede tremendamente complexa dunha maneira moi sinxela.
- E como levamos estas potencialidades do 5G á práctica diaria dos diferentes sectores empresariais?
De múltiples formas.
Se falamos do número de dispositivos conectados, calquera sensor, en calquera localización, vai poder estar conectado á rede. Imos permitir, por exemplo, que os coches e os drones estean conectados á rede móbil.
En relación coa latencia, grazas a ese pouco tempo que tarda en chegar á rede a información, rapidamente será procesada e vai xerar unha resposta que permitirá que un coche autónomo decida frear ou virar o volante ante calquera imprevisto. Tamén podemos retransmitir múltiples vídeos a altísima definición a través da rede móbil.
E, se falamos dunha contorna de privacidade, podemos atopar aplicacións no sector da loxística. A empresa vai poder conectar vehículos, máquinas e persoal a través da rede móbil, dende calquera punto das súas instalacións. E cando eses vehículos ou produtos estean polo mundo van seguir conectándose á rede móbil sabendo que están a usar un servizo exclusivo da empresa. Todo ese proceso achega garantías de velocidade e seguridade.
Outro exemplo serían terceiras empresas que poidan utilizar a rede móbil, como unha start-up especializada en drones. A través de software usará a nosa rede móbil de R para voar un dron ou para xerar vídeos de alta definición. Toda a comunicación circulará de maneira segura e nin necesitará falar con R para facelo. Ese é o novo horizonte cara ao que nos diriximos.
- En que proxectos 5G está a traballar R?
Seguimos un enfoque moi práctico á hora de traballar e levar a cabo proxectos con tecnoloxía 5G. Hai que coñecer ben as súas posibilidades e as necesidades dos clientes.
Resaltaría especialmente tres iniciativas que temos na actualidade.
Unha ten que ver coa retransmisión de eventos deportivos con alta calidade. Grazas ao 5G, calquera acontecemento que se celebre, alí onde haxa unha rede móbil, xa non necesitará ter fibra.
O segundo exemplo ten que ver co desenvolvemento do vehículo autónomo. É unha contorna de máxima esixencia para a rede móbil xa que o vehículo envía e recibe permanentemente información do que ocorre na estrada e todo iso ten que procesarse rápido para poder tomar decisións. Hai unha entidade que está a poñer toda esa infraestrutura ao dispor de terceiros que queiran desenvolver eses servizos e R é o seu socio de referencia.
O terceiro ten que ver coa loita contra incendios. Consiste en sensorizar as zonas de risco e ser capaz de facer observación a través de drones. Utilízase a rede 5G para transmitir unha información que é procesada e avaliada para detectar canto antes riscos que necesiten dunha reacción inmediata.
- En que punto se atopa actualmente a cobertura da rede 5G de R?
Se falamos de cobertura dunha rede móbil tradicional, en R estamos permanentemente comprobando como a perciben os/as nosos/as clientes/as e dando pasos definitivos na súa mellora, especialmente no últimos tres anos. Así, a día de hoxe, recoñecen que R é o operador co que gozan da mellor cobertura.
Doutra banda, se falamos especificamente de tecnoloxía 5G, a transformación aplica ás antenas, á radio e a toda a comunicación móbil. Aí xa temos cobertura 5G para un 90% da poboación de Galicia.
Isidro Fernández: "Temos cobertura 5G para un 90% da poboación de Galicia"
O seguinte punto é a transformación do noso cerebro. Non podemos utilizar infraestruturas do pasado e tamén nisto avanzamos moito.
A terceira parte implica ofrecerlles a outros a capacidade de utilizar a rede 5G. En relación con iso, estamos especialmente satisfeitos do acordo que recentemente asinamos cunha empresa líder a nivel mundial que ten servizos 5G moi avanzados.