Situm é unha empresa tecnolóxica que proporciona solucións de posicionamento en interiores. Hospitais, aeroportos, grandes superficies comerciais e museos son algúns dos seus principais clientes.

Esta empresa forma parte do programa de startups R, iniciativa composta por varias empresas galegas tecnolóxicas de recente creación e ten como obxectivo fomentar o seu crecemento.

O responsable de márketing da empresa compostelá, David Oreiro, contounos como xurdiu a idea de crear Situm, a súa evolución e a súa valoración do programa startups R.

- Cando e como xurdiu a idea de crear Situm? Que necesidades detectastes no mercado que vos levaron a crear Situm?

Situm inicia a súa andaina en decembro de 2014, aínda que o desenvolvemento da súa tecnoloxía se inicia varios anos antes, durante o doutoramento en robótica realizado polos tres socios fundadores, Victor Álvarez, Adrián Canedo e Cristina Gamallo.

O proxecto deste doutoramento consistía en crear un robot que realizase funcións de guía nun museo, e o maior reto co que se atoparon foi como posicionar e guiar a ese robot dentro dun edificio, xa que non se podía recorrer ao GPS, que en interiores non funciona. Durante as súas investigacións, comezaron a desenvolver a base dunha tecnoloxía de posicionamento en interiores única que co tempo permitiría proporcionar múltiples solucións para diferentes sectores empregando un robot que todos levamos encima: o teléfono móbil.

Unha vez que a base tecnolóxica xa estaba creada, o desenvolvemento de solucións de guiado e monitoraxe adecuadas ás necesidades do mercado realizouse da man de partners e de clientes de diferentes verticais: sanidade, telecomunicacións, xestión de instalacións, industria e espectáculo, entre outros.

Esta experiencia serviu, ademais para constatar a versatilidade da nosa tecnoloxía para a súa aplicación en múltiples verticais.

“O corazón desta tecnoloxía é un algoritmo que combina os sinais nos edificios cos datos proporcionados polos múltiples sensores nos móbiles.”

- Podes explicarnos en que consiste o sistema de posicionamento de interiores? E cales son os obxectivos que alcanza o cliente ao empregar este sistema nas súas instalacións?

A través da plataforma Situm Indoor Positioning Platform (Situm IPS) ofrecemos un servizo de posicionamento en interiores e exteriores para smartphones, con alta precisión e ningunha ou mínima infraestrutura.

O corazón desta tecnoloxía é un robusto algoritmo que combina os sinais presentes nos edificios (bluetooth, wifi e campo magnético) cos datos proporcionados polos múltiples sensores radio e inerciais presentes nos móbiles actuais (magnetómetro, xiróscopo, acelerómetro…). Deste xeito, proporcionamos a localización dun usuario ou activo móbil en calquera contorna interior e posibilitamos o desenvolvemento de solucións de guiado para pasaxeiros e visitantes e de seguimento e monitoraxe de equipos de traballo e de recursos móbiles. Mediante estas solucións, os nosos clientes poden optimizar os seus procesos e melloras os seus servizos.

“A través da plataforma Situm Indoor Positioning Platform (Situm IPS) ofrecemos un servizo de posicionamento en interiores e exteriores para smartphones, con alta precisión e ningunha ou mínima infraestrutura.“

- Quen formades parte do equipo de Situm e cales son as vosas funcións?

O 90% do equipo de Situm constitúeno enxeñeiros informáticos ou de telecomunicacións, e son os responsables de manter e facer crecer a plataforma atendendo ás necesidades do mercado. Para o desenvolvemento e expansión da empresa contamos con profesionais de acreditada experiencia, encabezados por Gregory Botanes, Vicepresidente de Situm, e con máis de 25 anos de experiencia en multinacionais de primeiro nivel do sector das telecomunicacións.

- Cal foi a acollida por parte dos vosos clientes? Podedes destacar algún deles?

A nosa acollida foi excelente nos diferentes espazos nos que despregamos a nosa tecnoloxía, xa que proporcionamos unha solución de alta precisión e mínima infraestrutura nun mercado no que as alternativas eran moi caras ou non proporcionaban unha precisión de calidade.

Hoxe en día, a tecnoloxía de Situm xa se implantou con éxito en miles de edificios de todo o mundo para favorecer a experiencia dos usuarios en hospitais, centros comerciais ou aeroportos; facilitar o tránsito e a asistencia a persoas de mobilidade reducida en diferentes instalacións con gran concorrencia; optimizar os procedementos de traballo en servizos de seguridade e limpeza, ou aumentar a produtividade mediante a xestión de activos en industrias 4.0.

“Hoxe en día, a tecnoloxía de Situm xa se implantou con éxito en miles de edificios de todo o mundo…”

- Que foi o máis difícil desde que creastes Situm?

Atender coa máxima calidade a acelerada demanda dos nosos produtos, tanto a nivel nacional como internacional.

- A que retos vos marcades a longo prazo?

Liderar internacionalmente o mercado de posicionamento en interiores con máxima precisión e mínima infraestrutura.

- Cal foi o motivo para entrar a formar parte do programa startups R?

Desenvolver a nosa rede de partners e clientes, e ampliar a nosa experiencia no ámbito das telecomunicacións.

- Que vos achegou o programa ata agora?

Novos contactos e información de calidade sobre as necesidades dos clientes para seguir desenvolvendo solucións de guiado e de seguimento e monitoraxe que axuden a optimizar os seus procesos e a mellorar os servizos.

Lembra que podes seguir a nosas novidades en Twitter, Facebook, Instagram e na nosa canle de Telegram.

Ata a próxima!