Startups R é unha iniciativa de R que ten como obxectivo impulsar o crecemento de diferentes empresas. Dentro desta iniciativa atópase Muutech Monitoring Solutions, que se dedica a monitorar, recoller e visualizar datos das empresas para poder controlar mellor os seus recursos de forma global.

Un dos fundadores de Muutech, Víctor Calvo, contounos como xurdiu a idea de formar esta startup e como están a ser os seus exitosos primeiros pasos.

- Como xurdiu a idea de crear Muutech e cando se fixo real? Que necesidade detectastes no mercado?

A verdade é que levabamos xa un tempo dándolle voltas á idea de montar unha startup, aínda que sen unha idea concreta. Estudamos varias posibilidades e fixemos algunhas probas: nunha destas probas naceu Muutech.

O noso primeiro cliente viu clara a súa aplicación: tiña sospeitas de que había problemas nun dos seus fornos industriais, pero non podía controlar as curvas de temperatura porque estaba nunha nave afastada da central e o enfornado facíase polas noites. Propúxonos facer un prototipo para a semana seguinte e, en moi pouco tempo, fomos capaces de entregarlle un sistema que lle permitía recoller estas curvas de temperatura dende a súa oficina. Cunha ollada rápida a estas curvas, a primeira semana descubriu que a súa sospeita era certa, pero que a solución non requiría dun gran proxecto de enxeñería: só de asegurar o correcto peche destes fornos. Con este pequeno caso de éxito, de gran valor para o cliente, vimos o potencial das ferramentas que ofrecemos en combinación coa explosión e abaratamento dos sensores IoT.

Isto é algo que achega valor a calquera compañía, sobre todo se se combina coa monitoraxe dos sistemas de información, xa que hoxe en día, un problema nunha base de datos pode parar facilmente unha cadea de produción. Pero claro, non todas as compañías se poden permitir o contratar un ou dous enxeñeiros para que investiguen as diferentes ferramentas que hai no mercado, como funcionan, apliquen a enxeñería necesaria de adaptación ás necesidades concretas, estean ao día dos avances, etc. E aquí é onde Muutech achegamos un valor diferencial, xa que ofrecemos a monitoraxe como un servizo, onde nos encargamos de toda esa parte "difícil" desta actividade, para que ao final os nosos clientes se dediquen ao seu negocio, aproveitando as vantaxes que achega a monitoraxe, pero sen que isto lle supoña unha dor de cabeza ou un custo elevado.

“En Muutech ofrecemos un valor diferencial, xa que nos encargamos de toda esa parte "difícil" desta actividade, para que os nosos clientes se dediquen ao seu negocio.”

widget

- Dedicádesvos á monitoraxe para a recollida e visualización de datos que proveñen da contorna industrial. Como pode axudar a monitoraxe de datos a este sector? En que consiste a monitoraxe de datos?

Realmente, e como comentabamos, estas ferramentas non só aplican a contornas industriais, se non que son perfectas para empresas que desenvolven aplicacións, ofrecen servizos na internet, etc. ou simplemente empresas que utilizan tecnoloxías de información para funcionar, que son máis cada día.

A clave é dispoñer de ferramentas moi flexibles que permitan ás empresas monitorar calquera tipo de dato, nunha única plataforma. Non ten sentido hoxe en día dispoñer dunha aplicación illada que, por exemplo, monitorice o consumo eléctrico da nosa fábrica, pero que non podamos relacionar esa información coa nosa produción. Esta relación permítenos sacar datos tan interesantes e reveladores como canto consome a nosa planta cando non se está a producir, o consumo en parada e moitos outros datos que impactan na economía da empresa. É aquí onde a monitoraxe é clave para as empresas; ao final, trátase de saber que está a pasar no teu negocio e ter números que che permitan non só tomar decisións senón ver o impacto real das mesmas.

E non falamos soamente de temperaturas ou de estados de robots, se non tamén de ter control sobre datos de negocio ou de márketing. Ao final, isto é o que permite ver, por exemplo, a relación entre as túas vendas e o tempo de resposta dos teus servidores, algo que é moi difícil de facer se non tes monitorizadas ambas as partes ou se tes que acceder a 3 ou 4 ferramentas diferentes para pescudalo. E aí é onde Muutech podemos e queremos axudar as empresas.

“A monitoraxe é clave para as empresa. Trátase de saber que está a pasar no teu negocio e ter números que che permitan tomar decisións e o seu impacto.”

- Os vosos clientes pertencen soamente a Galicia ou tamén tedes no resto de España e do mundo?

Sendo Muutech unha empresa galega, estamos a centrar a nosa acción comercial actualmente na nosa comunidade e no norte de Portugal. Non só por proximidade e practicidade, senón polo feito de que cremos que temos un tecido empresarial incrible en Galicia.

Non deixamos de atoparnos con empresas que teñen produtos marabillosos que igual imaxinabamos, na nosa inxenuidade, que só se facían en Estados Unidos ou Alemaña. Por iso queremos e gústanos moito traballar con empresas de aquí, achegando o noso gran de area, pero no curto prazo a nosa idea é ter clientes a nivel nacional e no medio prazo poder ofrecer o noso servizo en países como Suíza, Alemaña ou Francia.

“Atopámonos con empresas que teñen produtos marabillosos que imaxinabamos que só se facían en Estados Unidos ou Alemaña. Gústanos moito traballar con empresas de aquí, achegando o noso gran de area.”

- Cal é a vosa estratexia de futuro?

Agora mesmo estamos nunha fase na que traballamos cun produto sólido, completo e funcional, pero necesitamos completalo e personalizalo ás necesidades dos nosos clientes. Por iso estamos a dedicar os nosos esforzos tanto á súa comercialización como ao desenvolvemento, a partes case iguais de modo que unha parte realimente a outra.

A nosa estratexia de cara ao futuro e que comezamos xa, é o facernos un nome e un referente en canto a tecnoloxías e servizos de monitoraxe, o que nos permita por unha banda alcanzar máis clientes pero, por outro e máis importante, darlles o mellor servizo posible, coas últimas tecnoloxías e ofrecendo produtos que realmente se adapten ás problemáticas específicas dos clientes.

Non queremos acomodarnos a unha tecnoloxía ou un produto, se non ser os mellores e máis expertos en cuestións de monitoraxe, podendo ofrecer a monitoraxe como un servizo de alta calidade para os nosos clientes, de modo que eles poidan dedicarse a aproveitar as vantaxes do mesmo, sen preocuparse das súas complexidades.

- Cal foi o motivo para entrar no programa de StartUps R?

Actualmente estamos a participar na aceleradora de startups Business Factory Auto, impulsada polo Clúster de Automoción de Galicia ( CEAGA), grupo PSA e Zona Franca, entre outros, e foi a través deles como coñecemos a iniciativa e puxémonos en contacto convosco inmediatamente.

O motivo? Ademais da axuda na parte de telecomunicacións que ofrecedes, o máis importante para nós é a oportunidade de coñecer algo mellor como funciona unha compañía como R, aprender e poder establecer novos contactos a partir da visibilidade que nos dá estar nun programa como Startups R.

-  Que vos achegou este programa ata o momento?

Está a axudarnos moito, a verdade, xa que nos apoiades coa telefonía e parte da nosa infraestrutura na nube e esperamos nos próximos meses poder participar en eventos ou accións conxuntas convosco, que nos axuden tamén a aprender dunha teleco galega coa traxectoria de R.

Agradecemos moito ao equipo de Muutech que nos explicara detalladamente en que consiste a súa actividade e como pode beneficiar as empresas que a queiran aplicar.

Lembra que podes seguir a nosas novidades en Twitter, Facebook, Instagram e na nosa canle de Telegram.