O I+D en Galicia non ten límites e por iso cada vez son máis as empresas que se suman ao programa startups de R, que ten como obxectivo impulsar o crecemento de iniciativas tecnolóxicas en Galicia.

Hoxe entramos en Aensis e falamos co seu responsable de expansión, Jose Luis García, para que nos conte como é defender ás empresas dos ciberataques máis sofisticados.

Grazas ás súas solucións, son capaces de ofrecer aos seus clientes a tranquilidade e confianza necesaria para desenvolver os seus negocios no ciberespazo de maneira segura.

- Que diferencia a vosa solución de ciberseguridade das outras empresas?

Resumímolo en catro puntos:

  • Espectro completo: analizamos e protexemos todos os eventos da rede.
  • Big Data: As nosas solucións contan con ferramentas de análise, intelixencia e análise forense.
  • Intelixencia artificial: utilizamos intelixencia artificial fronte a ameazas descoñecidas.
  • Implementación rápida e sinxela: a implementación dos nosos servizos é rápida e sinxela.
- Creedes que as empresas están concienciadas sobre a necesidade de protexer os seus datos e infraestruturas máis críticas?

Cremos que gran parte das empresas galegas non o están.

Os que coñecen os problemas, pensan que a eles non lles vai pasar nada, xa que non teñen nada que ofrecer a un hacker ou que non lles poden facer dano.

Vemos unha elevadísima diferenza coas empresas madrileñas, cousa que nos preocupa. Só en setembro, na provincia de Pontevedra, houbo unhas 20 denuncias polo “Timo do CEO” (un fraude cibernético que consiste en facerse pasar polo CEO dunha empresa e ordenar pagos e transferencias)

Todos os días existen moitísimos tipos de ataques que as empresas ocultan para evitar que pensen mal delas, ou porque descoñecen que poden denunciar ou non saben como. A concienciación non é boa, pois a pesar de que coñecen o tema, moitas veces fíanse dun informático sen coñecemento en ciberseguridade.

"Os que coñecen os problemas de ciberseguridade pensan que a eles non lles vai pasar nada, xa que non teñen nada que ofrecer a un hacker ou que non lles poden facer dano"

- Contades con numerosos sistemas para documentar e detectar patróns perigosos en calquera fluxo de datos. Un deles é o sistema de visualización A- Flow. Cóntanos, en que consiste?

É un sistema capaz de visualizar e documentar todos os fluxos de datos da rede dunha empresa, independentemente do caudal de datos que utilice.

Estes datos de fluxo provén á empresa de información útil orientada a coñecer moitos dos aspectos internos da seguridade da súa rede, así como as comunicacións dos seus equipos co exterior. Á súa vez, crea valiosas estatísticas e datos forenses na rede para realizar calquera seguimento e arquivo de eventos sospeitosos ou anómalos.

aensis-ciberseguridade

- Por que decidistes embarcarvos nesta aventura? 

Todo xurdiu cando o noso CTO (director de servizos tecnolóxicos) tentou protexerse contra ataques.  Ao ver que a protección que ofrecían as solucións do mercado non era eficiente, quedou sorprendido e desenvolveu a súa propia solución. Despois, foi buscando persoas que o axudasen a mellorar a súa idea ata hoxe.

- Que foi o máis difícil neste camiño?

O financiamento, que aínda o é, e ser recoñecido nun sector tan sensible. Sobre todo, en Galicia. Sorpréndenos o pouco que fomentan as entidades galegas a tecnoloxía galega. Só achegan intencións cando todo ten éxito.

Por sorte, non son todas así. Despois de moito traballo para facer chegar ao mercado a nosa mensaxe diferencial, conseguimos ter presenza nalgunhas institucións.

- Que retos vos marcades a longo prazo?

Mellorar a intelixencia dos nosos equipos para desenvolver sistemas de intelixencia artificial unificados a nivel mundial que automaticen o traballo de CISOS e centros de seguridade.

- Cal foi o motivo para entrar a formar parte do programa startups R?

Pois ademais de brindarnos determinados servizos sen custo, desde R hai un compromiso por probar a nosa tecnoloxía e ofrecela se encaixa no seu modelo de negocio, ou ben quedar con ela se vos ofrece valor.

- Que vos achegou o programa ata agora?

Un espazo para realizar as nosas PoC (probas de concepto) de maneira virtual.

Dende aquí desexámoslles moita sorte.

Lembra que podes seguir a nosas novidades en TwitterFacebookInstagram e na nosa canle de Telegram.

Ata pronto!