As empresas necesitades solucións que vos permitan adaptarvos, resistir e prosperar fronte á volatilidade e incerteza actuais. E aquí entra en xogo a computación na nube, un habilitador clave para gañar resiliencia nestes tempos desafiantes.
R Empresas e APD organizaron en Santiago de Compostela, o martes 3 de decembro, un APDTalks para lle dar resposta á seguinte pregunta: Por que deberían as empresas apostar pola computación na nube?
Por parte de R participaron o noso director, Alfredo Ramos, e José Manuel García, xefe produto CLOUD privada. Xunto a eles, expertos de Gradiant, Jealsa, Plexus, Losan e Emais. Todos eles reflexionaron acerca das vantaxes, retos e oportunidades que se xeran ao incluír a computación na nube como parte da estratexia do negocio.
Que son servizos na nube
En primeiro lugar convén definir que é a nube. Falamos de conxuntos de recursos de computación que se ofrecen a través de Internet, de tal maneira que as empresas constrúen aplicacións que soportan os seus procesos de negocio dende calquera lugar, sen necesidade de manter infraestruturas físicas.
É unha alternativa ás solucións tradicionais que ofrece recursos escalables e que proporciona flexibilidade, axilidade, seguridade, aforro de custos e unha maior capacidade de innovación.
As vantaxes da computación na nube son numerosas e convincentes:
• Flexibilidade e escalabilidade: Permite adaptarnos rapidamente aos cambios do mercado e responder con axilidade a picos de demanda ou necesidades emerxentes.
• Seguridade e continuidade do negocio: Nunha contorna tan fráxil coma o actual, garantir que os nosos datos e sistemas estean protexidos e accesibles é fundamental para manter a operatividade.
• Innovación áxil: A nube facilita experimentar, crear e lanzar solucións rapidamente, algo indispensable nun mundo onde os cambios non son lineais nin predicibles.
• Optimización de custos: Axúdanos a xestionar recursos de maneira eficiente, algo vital en momentos onde os investimentos precisan un retorno rápido e seguro.
Determinantes resultan tamén outras vantaxes adicionais tales como poñer ao dispor do/a cliente/a dun catálogo sinxelo de IaaS e PaaS; os custos mensuais; a facturación predicible; os baixos retardos; e o acompañamento continuo por parte dunha empresa especialista, como R, que tamén ofrece soporte preventa e postventa próximos.
Mellor, un cloud próximo
A proximidade é un factor diferencial, xa que se pode levar a experiencia de cloud próximo alá onde están as sedes da vosa empresa.
Para iso, proponse un escenario híbrido cunha conexión privada cloud pública que funcione como unha sede máis da organización, coidando especialmente a integración nativa coas redes de datos dos clientes.
Desafíos das empresas ante o cloud
Integrar solucións na nube na empresa require de certas etapas e coñecementos.
De entrada, hai que superar as preocupacións que xorden nas empresas relativas a asegurar a continuidade do negocio, afrontar a adaptación ao cambio, amortizar as infraestruturas existentes, perder experiencia LAN ou ao control dos seus datos.
Para mitigar estas reticencias, resulta esencial identificar tres fases no proceso de posta en marcha de solucións cloud: unha fase preventa enfocada na definición da solución e como será a xestión; unha fase de venda orientada a conseguir capacidade de autoxestión; e unha fase postventa con servizos próximos de soporte e atención ao cliente.
Cara a onde apunta o cloud do futuro?
O que está claro é que o cloud é unha solución de presente e con moito futuro.
Entre os seus principais retos a curto e medio prazo figuran a democratización de servizos cloud nas pemes e o enriquecemento do catálogo cloud con servizos de cómputo orientados á analítica do dato e aprendizaxe automático, plataformas para DevOps e servizos que reforcen as necesidades OnPremise.
Ademais, as solucións cloud atoparon unha grande aliada na tecnoloxía 5G para dixitalizar intensamente procesos produtivos, tanto en naves industriais como en dispositivos de realidade aumentada e, en xeral, en todos aqueles casos de uso que se poden abordar polas garantías de conectividade 5G en canto a rendemento e baixa latencia.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co/coa teu/túa asesor/a persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario. E para estar ao día das últimas noticias síguenos en LinkedIn.