As empresas queredes potenciar a vosa competitividade e sostibilidade e valorades, cada vez máis, cualidades dos/as vosos/as empregados/as e traballadores/as que marcan a diferenza. Estas son as chamadas "soft skills" ou habilidades brandas, que aos poucos van gañando terreo á primacía das consideradas "habilidades duras" ou técnicas.
O concepto de "soft skills" xurdiu nun manual de adestramento do exército estadounidense nos anos 70 e na actualidade é expresión de uso habitual na meirande parte dos departamentos de Recursos Humanos.
Pero, que son as chamadas "soft skills"? Con este termo referímonos a un conxunto de competencias variadas que inclúen habelencias sociais, de comunicación, intelixencia emocional, actitudes e aptitudes persoais ás que se considera cualidades esenciais para levar a cabo de forma eficiente o traballo diario. Ademais, marcan a capacidade de relacionarse e comportarse nun determinado contexto; é dicir, definen relacións interpersoais, sociais e profesionais.
Aplicadas ao mundo empresarial, dispoñer destas habilidades permite que os equipos se compenetren mellor, traballen de maneira máis fluída e eficiente e aumente a produtividade.
Non son habilidades que se adquiran nun curso rápido nin nunha tarde, así que é importante desenvolvelas dende idades temperás, nas diferentes etapas formativas, para logo consolidalas e levalas á práctica no mercado laboral (e na vida).
Habilidades brandas vs habilidades duras
Mentres que as habilidades duras son, en xeral, talentos e habilidades que se poden medir e aprender e se aplican unicamente á contorna laboral, as habilidades brandas son difíciles de cuantificar ou avaliar, non sempre se poden adquirir e son aplicables a todos os aspectos da vida, non só ao ámbito profesional.
Tradicionalmente, estas habilidades brandas complementaban ás duras ou técnicas, consideradas prioritarias pero, nos últimos anos, as brandas gañaron protagonismo no ámbito empresarial e procúranse e valóranse cada vez máis, incluso priorizándoas.
No actual contexto, as "soft skills" resultan cada vez máis determinantes á hora de avaliar candidatos/as para un posto de traballo. Porque ninguén dubida de que as habelencias brandas persoais contribúen ao éxito conxunto dun equipo de traballo e dunha organización.
Así o confirma a experiencia práctica e tamén os estudos. Un informe da Universidade de Harvard reflicte que ata un 80% dos logros na carreira profesional están determinados polas habilidades brandas e tan só un 20 % polas duras.
Cales son estas habilidades brandas cada vez máis demandadas?
Son moitas as habilidades ou competencias que podemos englobar como brandas, pero quedamos con algunhas das máis destacadas:
• Resiliencia. En todo proceso hai altibaixos. Resulta esencial non deixar que os obstáculos freen a actividade e saber xestionar a presión para atopar a maneira máis axeitada de solucionar os problemas.
• Empatía e Intelixencia Emocional. A capacidade de comprender as emocións e sensibilidades dos demais, ademais de axudar ao traballo en equipo, serve para conectar máis e mellor coas necesidades e gustos do/a cliente/a.
• Pensamento crítico e estratéxico. Ser quen de avaliar pros e contras e de ter en conta puntos de vista diversos á hora de examinar un proxecto ou un servizo é indispensable para detectar carencias e necesidades e expor melloras que culminarán nun resultado final máis satisfactorio. Ademais, favorece a atención aos detalles.
• Creatividade. Non é fácil destacar entre a competencia. As empresas necesitades innovar e poñer en práctica ideas novas e chamativas que vos permitan facervos un oco no mercado e non pasar desapercibidas entre o amplísimo abano de ofertas existentes.
• Liderado. As dotes de liderado transmiten seguridade e capacidade para realizar o traballo e para coordinar ou dirixir equipos; e axudan a xerar unha contorna de traballo construtiva.
• Aprendizaxe continua. Nun mundo marcado pola tecnoloxía, os cambios sucédense a gran velocidade e necesítase un proceso de aprendizaxe continua para non quedar atrás, sexa cal sexa o posto, tipo de traballo ou a actividade da empresa.
• Flexibilidade. Saber adaptarse e reinventarse é indispensable. As empresas e os/as empregados con disposición ao cambio e capaces de asumir novos retos e/ou tarefas teñen máis posibilidades de medrar profesionalmente.
• Desenvolvemento de habilidades dixitais. E precisamente una das maiores necesidades de adaptación e actualización relaciónase coas novas tecnoloxías dixitais. Porque a imparable dixitalización converteu este tipo de coñecementos en indispensables en todos os ámbitos: relación co/coa cliente/a, xestión de stocks, venda...
• Comunicación e negociación. Resulta fundamental a capacidade de expresarse ben de forma oral e escrita e saber adaptar o ton e a mensaxe á contorna e ao/á oínte, tanto no ámbito interno da propia empresa como para clientes/as externos/as. Sen dúbida, unha presentación áxil en público contribúe máis a unha negociación que toda unha despregadura de datos técnicos.
• Traballo en equipo. O coñecemento ou o rendemento individual deben encadrarse nunha correcta dinámica grupal para un resultado óptimo. Porque un bo traballo é froito da colaboración, o entendemento e a suma de esforzos de persoas con roles diferentes capaces de entenderse coa mirada posta nun obxectivo común.
• Xestión do tempo. Os recursos son limitados... e o tempo tamén. Unha boa organización e priorización do tempo (e das urxencias, se as hai) permite aforrar custos e gañar en eficiencia. Os/as empregados/as que administran ben o seu tempo resultan máis produtivos.
Todo un cartafol de competencias que marcan a diferenza nunha empresa e que transcenden a aplicación de novas tecnoloxías, a automatización ou a transformación dixital.
Fronte á robotización e á Intelixencia Artificial, cada vez son máis demandadas este tipo de habilidades do ser humano, que complementan a actividade que realiza a tecnoloxía pero que non poden ser suplantadas por ela. Porque as "soft skills" implican un valor humano diferencial difícil de cuantificar pero cuxos beneficios si vos resultarán visibles.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co teu asesor persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario. E para estar ao día das últimas noticias síguenos en LinkedIn.