Entrevistamos o catedrático economista Santiago Niño-Becerra, que vén de participar nas Xornadas Tecnolóxicas R 'O teu futuro decídelo hoxe, súmate ao efecto dixital'. Con el falamos sobre o panorama económico e social que atopamos tras a pandemia e sobre o novo modelo económico que se aveciña, coa tecnoloxía como factor decisivo.
Para empezar, unha breve análise do mundo postpandemia.
SNB: Complicado, porque dende o 2018 xa viña vivindo unha situación de desaceleración e esgotamento dos efectos das inxeccións dos bancos centrais, e o virus produciu a diminución da produción e a rotura das cadeas loxísticas. A iso súmase o aumento do prezo da enerxía. O mundo postpandemia é un mundo feo.
Comenta que se aveciña un novo modelo económico, cales son os maiores cambios que experimentaremos? En que melloraremos e en que probablemente non?
SNB: O crecente protagonismo da tecnoloxía que, penso, manterase nos próximos séculos. O declive do Estado e o crecente poder das corporacións que tenderán cara á constitución de oligopolios. O papel do municipio irá en aumento como vertebrador do territorio tras producirse agrupamentos de entes territoriais. O capital xa se está concentrando, e tal concentración irá a máis; por iso, concentrarase a renda e a riqueza e a desigualdade aumentará, cousa que xa está a suceder.
Que papel xoga a tecnoloxía neste futuro inmediato?
SNB: Definitivo: mellora a produtividade, permite alcanzar solucións sostibles, facilita operativas, pero destrúe postos de traballo cuxas e cuxos ocupantes, por idade e/ou capacidade, son ”irreciclables”. Aínda que a incógnita é se serán necesarias/os para producir.
No seu libro 'Futuro, que futuro?' fala dunha fabricación flexible apoiada en tecnoloxías como o Big Data e a Intelixencia Artificial, en que consiste?
SNB: En xerar a cantidade de produto que en cada momento sexa necesaria e xerala no lugar máis conveniente e da forma máis eficiente e, como consecuencia diso, se así se quere, a un prezo alcanzable. Pero como a segmentación pode chegar ata o último recuncho, o grao de liberdade da poboación será practicamente nulo porque se chegará a saber que bens e servizos pode consumir cada persoa en función da súa renda.
Tamén resalta a produtividade como un concepto clave, onde radican as súas claves a día de hoxe?
SNB: Hoxe estamos a transitar cara á situación, que expoño máis arriba, dende un lugar no que aumentos de produtividade líanse como aumentos de produción.
A guerra en Ucraína, o auxe de China, o Brexit... que consecuencias teñen na nosa economía presente e a curto prazo?
SNB: A situación que se está vivindo en Ucraína, traxedias humanas á marxe, é unha situación de posicionamento xeoestratégico. En moitos aspectos podería asimilarse, por exemplo, á Guerra de Angola ou á Crise dos Mísiles de Cuba aínda que nesta non se deu o último paso. O de China é outra historia porque o seu modo de facer, o seu control da poboación e a súa metodoloxía ditatorial, aínda que con outras cores e formas, penso que será o operativo de referencia nas próximas décadas en todas partes. Ao Brexit daríalle a importancia que ten: EE.UU buscaba un portavións permanente na UE e Inglaterra serao co Brexit; e digo Inglaterra porque penso que Escocia independizarase e Irlanda do Norte unirase á República de Irlanda. Cando todo isto estea claro, as relacións entre Inglaterra e a UE estabilizaranse.
En canto aos consumidores, fala dunha xeración 'alfa' que xa non terá datos para realizar comparativas, como poden coexistir xeracións con moi diversos graos de alfabetización dixital?
SNB: Pois poden coexistir mal. Coexistirán de forma excluínte porque non se entenderán e, penso, debido aos problemas cotiáns que os 'alfas' terán, ignorarán as anteriores xeracións creándose unha fenda xeracional. Socialmente non parece un mundo bonito, máxime tendo en conta que as xeracións anteriores, por idade, cada vez serán máis dependentes.
Como interactuará coa economía e coas empresas esta xeración 'alfa'? Cales serán os seus patróns de procura, compra e venda de produtos?
Penso que a máxima das próximas (moitas) décadas será ‘O necesario é o importante’. Se a 'Xeración T', ou 'alfa', non ten referencias de pasado e ademais está inmersa na tecnoloxía aceptará con infinita facilidade o que se lles suxira e aconselle. Nese aspecto penso que será unha xeración moi pouco reivindicativa.