O saber non ocupa lugar, pero en ocasións cústanos poñernos ao día. Así que como propósito de Aninovo, que mellor que ampliar os nosos coñecementos e tratar de actualizarnos con algún curso sobre o noso traballo.
Hoxe en día todo avanza a gran velocidade e en nada quedamos obsoletos en calquera materia. Pero isto non pode ocorrer se estás á fronte dunha empresa ou se ofreces uns servizos a clientes.
Non te preocupes porque temos a solución para que esteas sempre ao día e gastes o menos posible do teu orzamento.
Google Actívate
O xigante Google presentou a finais do 2017 a nova oferta de cursos Actívate, na que incluíu cursos sobre Big Data e Ciberseguridade.Estes dous temas están moi vixentes hoxe en día, sobre todo no sector empresarial. Coa súa formación poderás aprender unhas nocións básicas e logo ir ampliando coñecementos.
Esta plataforma segue facendo fincapé na formación en márketing dixital, na que dispón dun amplo abanico de cursos onde escoller. Ao finalizar con éxito cada un deles obterás un certificado, que moitas empresas empezan a valorar positivamente.
UniMOOC
UniMOOC é unha plataforma de cursos masivos, abertos e en liña, de aí vén as siglas MOOC en inglés .
Estes cursos non é que sexan a panacea, pero se es un emprendedor ou estás a pensar en montar a túa propia empresa poden axudar a facerche unha idea sobre determinados temas que son necesarios para levar a cabo este proceso.
Podes aproveitar para botarlle unha ollada ao seu blog, no que sempre escriben sobre casos de éxitos de empresas ou emprendedores e consellos e ideas á hora de xestionar unha empresa.
Coursera
Coursera é a plataforma de formación online que naceu da man de profesores da Universidade de Stanford en Estados Unidos hai 6 anos. Hoxe en día está dispoñible en varios países, España é un deles.
Ofrece cursos impartidos por diferentes profesores universitarios e avalados por varias universidades do mundo.
En Coursera hai moito onde escoller, desde artes e humanidades ata ciencias da computación, pasando pola aprendizaxe de idiomas, desenvolvemento persoal, matemáticas e lóxica, entre outros. Ademais dos cursos, tamén conta con especializacións e másters.
Estas formacións durante uns días adoitan ser gratuítas, pero ao pasar ese período teñen un custo. Así ti podes valorar se che interesa continuar coa formación ou deixala porque non cumpre as túas expectativas.
E ti, xa pensaches en que necesitas ampliar o teu saber?
Ata a próxima!
Imaxe de unsplash.com/@element5digital