Xa estamos en plena campaña da Renda 2015. Toca sacar a calculadora, facer cábalas e por suposto, tirar dun bo asesor para non ter problemas coa Axencia Tributaria. Se xa é aburrido para un traballador por conta allea realizar a declaración da renda, imaxina o complicado que é para un autónomo que nin sequera recibe o borrador por parte da Axencia Tributaria.
Se es autónomo, estas son as cinco cousas que debes ter en conta á hora de facer a declaración da renda:
1. É obrigatorio que presente a declaración da renda?
Se tes un único pagador, estarás obrigado a facer a declaración se percibes máis de 22.000 euros ao ano. No caso de que teñas máis dun pagador, a suma das cantidades recibidas doutros pagadores non pode superar os 1.500 euros.
Agora ben, elévase a 12.000 euros a renda máxima anual que exime de facer a declaración aos contribuíntes que teñen máis dun pagador, sempre que a suma das cantidades recibidas doutros pagadores non supere os 1.500 euros.
2. Podo facer a declaración pola web ou teño que acudir a unha oficina da Axencia Tributaria?
Facenda pon á nosa disposición unha aplicación web chamada Renda Web, un novo sistema para presentar a declaración. Pero isto ten truco: se es autónomo ou tes unha empresa, non poderás utilizar o programa de Renda Web. Senón que poderás pedir cita para presentar a declaración de forma presencial ou poderás descargar no teu ordenador o programa PADRE.
3. Que debo ter en conta respecto ao ano pasado?
- A baixada do IRPF de xullo de 2015.Ten en conta que en xullo do ano pasado o IRPF sufriu unha baixada de catro puntos (pasou do 19% ao 15%), polo que as facturas emitidas antes de xullo deben gravar un 19%, mentres que as posteriores, deben facelo sobre un 15%.
- Se queres deducir gastos, estes teñen que estar suxeitos á túa actividade económica para poder desgravalos.
- Se traballas dende a casa, podes deducir no IRPF as subministracións. Isto quere dicir que se creou un modelo mixto para calculalo que inclúe a túa vivenda. Teranse en conta os metros cadrados da casa que utilizas para traballar, así como os días laborables e o número total de horas da túa xornada laboral.
- Non esquezas incluír na túa declaración gastos a deducir como seguros de vida ou de saúde.
4. Que prazo teño para entregar a declaración da renda?
Ata o 25 de xuño, podes presentar a declaración con resultado a ingresar con domiciliación bancaria.
O 29 de xuño é o último día para solicitar cita previa.
O 30 de xuño é o último día para presentar a declaración en todas as súas versións, menos a declaración con resultado a ingresar con domiciliación bancaria. Lembra que esta só se pode entregar ata o 25 de xuño.
5. Se entreguei a declaración con erros, podo facer algo para arranxalo?
Se xa presentaches a declaración da renda e caíches na conta de que cometiches algún erro, non te preocupes, xa que a Axencia Tributaria pon á túa disposición diferentes vías para emendar calquera fallo.
Se esqueciches declarar unha renda exenta ou non te lembraches de aplicar algunha dedución á que tiñas dereito, podes solicitar na Administración da Axencia Tributaria que che corresponda unha rectificación.
No caso de que os fallos que cometeses vaian contra Facenda, a túa declaración debe regularizarse mediante a presentación dunha declaración complementaria.
Se aínda non fixeches a declaración da renda, aínda estás a tempo. Iso si, non te relaxes que o tempo corre. Se tes dúbidas, o mellor é que te poñas en contacto cun asesor ou cunha xestoría para que che boten unha man durante este periplo. Ánimo!