A forma de procurar, atopar e adquirir produtos e servizos vive unha revolución constante nos últimos anos. A transformación dixital, e o revulsivo que supuxo a pandemia, xeraron novas formas e hábitos entre os consumidores que obrigan ás empresas a reinventarse continuamente.
Nos últimos tempos, unha das tendencias de márketing máis comentadas é a chamada phygital.
Que é phygital? É unha experiencia de compra baseada na combinación do comercio dixital (en liña) e o das tendas físicas (offline). Rompendo as barreiras que separan ambas as dúas contornas, aprovéitanse as vantaxes e potenciais dunha e doutra, xéranse experiencias diferentes e máis completas para os/as clientes/as e novas oportunidades de negocio para as empresas.
Por unha banda, os consumidores seguen valorando a experiencia física na tenda, que se asocia con proximidade, interacción e personalización.
Doutra banda, a experiencia de compra dixital achega inmediatez e permite ser realizada dende calquera lugar, horario e soporte.
Neste contexto, negocios e empresas buscan xerar experiencias híbridas que integren e aproveiten as vantaxes de ambos os dous contextos.
Ferramentas que levan á práctica a tendencia phygital
Os estudos de mercado coinciden en que aproximadamente a metade dos consumidores alternan compras físicas e virtuais. Así que non é de estrañar que, en plena era dixital, asistamos tamén a un número récord de aperturas de tendas físicas.
Pero estes novos establecementos distan moito dos locais tradicionais, incorporan tecnoloxías dixitais e son un lugar perfecto para que os usuarios coñezan e interactuén con produtos e servizos, tanto en formatos físicos como virtuais. É a posta en práctica da experiencia phygital.
- Pantallas táctiles ou quioscos dixitais. É unha das opcións máis habituais e poden dar máis información, tramitar pedidos, xestionar quendas e colas ou servir como punto de venda in situ. Atópalos, por exemplo, en cines ou establecementos hostaleiros.
- Probadores intelixentes. Adoitan apoiarse nas etiquetas con tecnoloxía RFID, as que indican a unha pantalla que peza está a probar o/a cliente/a. A partir de aí, el/ela mesmo/a poden interactuar buscando outras tallas ou cores e observar dixitalmente como lle sentarían, engadir complementos ou mesmo realizar e compartir fotografías. Unha das súas grandes vantaxes é que se pode realizar e finalizar o proceso de compra dende o propio probador e elixir recoller as pezas na tenda ou recibilas no domicilio.
Estes probadores intelixentes úsanse tamén en moitas pasarelas e desfiles de moda.
- Códigos QR. Estes códigos que poden ser escaneados a través da cámara dun dispositivo intelixente serven para acceder a unha páxina web ou a unha determinada app. A pandemia popularizounos en forma de cartas en establecementos hostaleiros, pero tamén poden usarse para que o usuario acceda a información máis detallada de produtos ou servizos.
- Beacons. Son dispositivos de reducido tamaño que localizan o consumidor e envíanlle notificacións en función do lugar no que está, en sintonía co chamado márketing de proximidade. O sector turístico é un dos que lles está sacando maior partido ofrecendo suxerencias de visitas, rutas ou restaurantes.
Outras ferramentas que xa se están usando son as baseadas en tecnoloxías Light ID, que usan a luz para enviar notificacións ou avisos e interactuar cos/coas clientes/as, ou os marcadores de realidade aumentada, que trasladan virtualmente os clientes a novos espazos e experiencias ou ás súas propias tendas virtuais creadas no Metaverso.
Se falamos de experiencia phygital non podemos esquecernos do "Dixital Signage" ou sinalización dixital multimedia. Consiste na emisión de contidos dixitais a través de pantallas ou tótems. A clave está na súa interactividade e na súa capacidade para establecer diálogo co/coa cliente/a, o cal resulta tan atractivo como útil. Ofrece información ou entretemento en tempo real, adaptada a cada momento, situación e público, e pode integrarse con redes sociais ou dispositivos móbiles.
Beneficios das estratexias de márketing phygital para as empresas
Por que apostar por estratexias phygital? Enumeramos algunhas das súas vantaxes:
- Capacidade para crear experiencias de compra máis completas, inmersivas, interactivas e personalizadas. O usuario actual non só procura solucións; tamén quere experiencias e sensacións.
- Ampliación do número de clientes/as potenciais ao chegar tanto a aqueles consumidores/as que prefiren o físico como para os/as máis asiduos/as a plataformas e ferramentas dixitais.
- Maior variedade de produtos. Aínda que non os teñas todos na tenda física, si podes ofrecer dende ela a oportunidade de adquirilos. Un elemento que implica personalización e fideliza ao mesmo tempo que multiplica as opcións.
- Redución de custos, no tamaño da instalacións ou en gastos de transporte e optimización de medios e soportes.
- Incremento e diversificación das opcións de pago ou envío das que dispoñen os clientes.
- Posibilidade de coñecer máis e mellor ao/á cliente/a. Un exemplo: tras unha compra realizada na tenda podes usar medios dixitais para contactar co/coa cliente/a, obter feedback da súa experiencia e ofrecerlle produtos acordes aos seus gustos. E ao revés: cando chega á tenda, podes consultar as súas experiencias previas de compras dixitais e enfocar a venda aos seus intereses.
- Imaxe de marca máis potente. A sintonía e coordinación entre as contornas física e virtual é fundamental para transmitir una mesma imaxe, máis forte e reforzada.
- Unifica, organiza e optimiza políticas comerciais. Coa variedade de plataformas e soportes existentes a día de hoxe, existe o risco de que se xere disparidade na oferta, tanto en prezos ou promocións como en existencias. Unha estratexia coordinada das dúas contornas minimiza este risco e aproveita sinerxias.
- Simplifica a xestión xa que se fai de forma conxunta para contornas físicas e dixitais. Ademais, os resultados que ofrece tamén son unificados, o cal permite ter unha visión integral da rendibilidade e dos beneficios.
Está claro que o mundo dixital e o físico son complementarios e non excluíntes, ambos os dous poxan con forza e contan coas súas propias fortalezas, e as empresas debedes procurar a forma de aproveitalas botando man das tecnoloxías existentes. Poñendo en marcha estratexias "phygital" melloraredes a vosa eficiencia, responderedes mellor ás demandas dos/as consumidores/as e marcaredes a diferenza nos mercados actuais.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co teu asesor persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario.