Unha nova edición do OSHWDem (Open Source HardWare Demonstration) volve á Coruña, concretamente ao Museo DOMUS. Trátase dunha feira tecnolóxica na que se expoñen diferentes inventos. Móstranse como foron creados, para que todo o mundo os coñeza e se poidan mellorar.
O 11 de novembro celebrarase esta cita tecnolóxica organizada pola asociación Bricolabs, na que os seus compoñentes quedan semanalmente para colaborar no deseño e construción de todo tipo de aparatos e gadgets. E desta paixón por este mundo naceu o OSHDem, que xa vai pola súa sexta edición.
Ao longo de toda a xornada poderás ver inventos de software, robótica, internet das cousas, electrónica, hardware… En resumidas contas, haberá todo tipo de tecnoloxías.
Competicións de robots
Os creadores de robots poden participar en diferentes competicións cos seus androides. Hai diferentes tipos:
- resolver o camiño correcto dentro dun labirinto.
- loita na modalidade de sumo.
- e incluso unha carreira para saber cal é o robot máis rápido.
A inscrición nestas competicións é gratuíta e os gañadores levarán o seu correspondente premio. Pero ollo, porque para participar tes que seguir o regulamento establecido.
Estas competicións poderanse ver no salón de actos da DOMUS.
Obradoiros
E para aproveitar ben a asistencia a esta xornada, que mellor que acudir a algúns dos obradoiros que organizan para aprender cousas novas. Son gratuítos e só tes que inscribirte na súa web.
As temáticas dos obradoiros son variadas, dende a iniciación á programación en Phyton e Raspberry, programación de sistemas físicos en contornas gráficas, ata charlas sobre robots.
Xa nos contarás se te animas a apuntarte a algún taller de robótica para crear o teu pequeno androide.
Ata a próxima!