Na nosa contorna dixitalizada, cos teléfonos intelixentes convertidos nun medio habitual para realizar todo tipo de actividades, os pagos non son unha excepción. Así, as formas de pago tradicionais deixan paso a novos modelos que apostan máis pola tecnoloxía e que poden utilizarse para compras dixitais ou en tenda.

Todos eles xorden coa intención de facilitar pagos e cobranzas a vendedores e compradores.

O obxectivo é adaptarse aos novos tempos e hábitos e conseguir achegar valor ao proceso de compra respondendo ás grandes esixencias do cliente actual: rapidez, comodidade, dixitalización, automatización, personalización e versatilidade para pagar dende diferentes dispositivos, sen esquecer a seguridade.

Porque as vendas e compras evolucionan ao mesmo tempo que a sociedade e o diñeiro en efectivo vai deixando paso a solucións máis innovadoras, que van moito máis alá das tarxetas de crédito ou débito ou das transferencias bancarias.

Bizum

Esta aplicación converteuse nunha das formas estrela de enviar e recibir pagos ao instante.

Bizum é moi polivalente, aí radica parte do seu éxito. Sabías que serve, tamén, por exemplo, para cobrar premios en administracións de loterías? Ou para facer doazóns?

Algunhas empresas teñen incorporada como opción de pago Bizum para os seus clientes integrando a aplicación na pasarela de pago. E tamén para aplicar descontos ou promocións a todos/as aqueles que estean dados de alta na aplicación.

PayPal

O seu funcionamento é moi sinxelo. Só hai que darse de alta mediante un correo electrónico e asociar ao usuario unha conta bancaria ou tarxeta de crédito e xa se pode pagar, enviar diñeiro ou aceptar cobranzas.

En España, é o segundo método de pago máis utilizado polos/as consumidores/as no comercio en liña.

Wallet ou billeteiro electrónico

É a versión virtual no móbil da tarxeta de crédito e pode usarse tanto en internet como en moitas tendas físicas dunha forma moi similar a unha tarxeta sen contacto.

Adoita usar tecnoloxía de comunicación inalámbrica NFC para poder intercambiar datos entre dispositivos próximos.

Moitos bancos contan xa coas súas propias billeteiras electrónicas, ás que se accede dende a súa app de banca electrónica; entre elas, ABANCA Pay, BBVA Wallet ou Santander Wallet.

E cada vez máis fabricantes de telefonía as instalan de serie nos seus terminais para realizar pagos con só un clic, sen rexistrar tarxetas bancarias nin introducir contrasinais. Tal é o caso de Samsung Pay, Google Pay ou Apple Pay (esta última é a máis utilizada).

Se queredes vender ou comprar en redes sociais, a opción máis coñecida é Metapay.

POS Móbil

É un dispositivo de seguridade que se conecta a un dispositivo móbil para validar transaccións mediante a tarxeta de débito do pagador. Desta maneira, permite realizar o pago no punto de venda a través dunha transferencia inmediata tras descargar a aplicación e crear unha conta.

Este sistema é rápido e, ademais, especialmente útil para a xestión de inventario, xa que se conecta facilmente cos lectores de códigos de barras.

Wearables

Os wearables son dispositivos electrónicos intelixentes incorporados á vestimenta ou usados como accesorios. Falamos, por exemplo, de reloxos ou pulseiras intelixentes.

Se levan incorporados un chip NFC vinculado a unha tarxeta, poden usarse para pagos físicos de forma similar a unha tarxeta sen contacto; é dicir, achegando o dispositivo ao TPV.

Un dos seus grandes retos é como coidar a seguridade dos moitos datos que conteñen, máis aínda se tamén se utilizan como método de pago, e atopar a maneira de consolidalos para pagos en liña.

Biometría

A autenticación mediante biometría para realizar pagos baséase na identificación mediante impresións dixitais, o recoñecemento de voz, facial, ollos ou calquera outra característica humana única.

O máis habitual é a identificación do/a cliente/a e a realización do pago a través do teléfono móbil, polo que é necesario que o terminal dispoña dalgunha destas opcións.

De forma xeral, necesítase un dispositivo electrónico que funcione como lector ou escáner e recolla os datos e un software que os dixitalice e, de forma previa, asociar a pegada dixital cunha conta bancaria.

Pay by link ou Pay by QR

Consiste en acceder a un link facilitado polo/a vendedor/a ou escanear co móbil un código QR para acceder a unha plataforma de pago.

Tamén se poden solicitar códigos QR temporais para realizar transferencias ou operacións ocasionais.

En calquera caso, para poder utilizar este sistema hai que ter un moedeiro virtual instalado no teléfono móbil.

Hai máis fórmulas novas de pago e cada día increméntanse e renovanse. Poderiamos engadir, por exemplo, as famosas criptomonedas ou tamén as chamadas superapps, usadas como plataformas de pago.

En calquera caso, o fundamental é consolidar opcións de pago segursa e cómodas e adecuar a normativa e a lexislación á nova realidade. Neste sentido, a UE está a debater a creación dun euro dixital, supervisado polo Banco Central Europeo, que podería estar listo nun par de anos e ser usado tanto por particulares como por empresas.

Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co teu asesor persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario. E para estar ao día das últimas noticias séguenos en LinkedIn.