Vivimos nunha contorna volátil, complexa e ambigua. Cada día enfrontámonos ás esixencias dunha conxuntura laboral tensionada, a relacións con clientes e provedores rápidas e esixentes, a demandas familiares e sociais nun mundo hiperconectado e global; ao exceso de información...
Estas circunstancias poñen a proba a nosa capacidade de adaptación e en múltiples ocasións tamén nos xeran ansiedade. Pero o estrés non é o problema. O estrés é unha resposta natural e adaptativa que dende sempre nos permitiu sobrevivir. O que é prexudicial é estar constantemente coa alerta activada, o que chamamos ‘estrés crónico’.
Porque chega un momento en que percibimos case todo como unha ameaza e nin sequera valoramos de maneira consciente os recursos de que dispoñemos para afrontar os desafíos que se nos presentan. Non nos paramos a reflexionar, a respirar; en xeral, non nos paramos. Aquí entra en xogo a práctica da Atención Plena ou Mindfulness.
O Mindfulness aposta por enfocar a nosa atención no momento presente sen xulgar e sen distraccións de pensamentos futuros ou pasados. O presente significa estabilidade. Só deste xeito podemos prepararnos para afrontar o futuro con solidez e solvencia.
Así o entenderon xa moitas empresas. Máis do 20% das compañías punteiras do mundo apoian e fomentan entre os seus equipos a práctica continuada e o adestramento en Mindfulness, e cada día son máis as que se suman aos beneficios desta disciplina para adestrar a atención.
En R gústanos estar preto das nosas empresas e das persoas que as compoñen. Como asesor tecnolóxico, o noso papel pasa por achegarvos ferramentas e recursos que vos axuden a realizar a vosa actividade. E en ocasións non falamos de recursos materiais nin tecnolóxicos, senón de recursos que axuden a fortalecer a resiliencia emocional para que sexades quen de manexarvos de maneira máis sabia na incerteza, especialmente nunha situación tan complicada como a actual derivada da crise do COVID-19.
Mindfulness é estar presente. É un estado de implicación absoluta na tarefa que estamos a realizar: focalizamos o obxectivo e concentramos enerxía e recursos na realidade que se nos presenta en cada momento.
E que beneficios pode achegarnos nunha empresa?
- Potencia do autocoñecemento
- Mellora da nosa habilidade para escoitar, comunicarnos, xestionar emocións ou problemas
- Potenciación da intelixencia emocional como competencia clave neste momento (empatía e auto-regulación emocional)
- Desenvolvemento de habilidades de liderado
- Mellora na toma de decisións
- Mellora da xestión do cambio nunha contorna volátil e incerta
- Aumento da capacidade de concentración
- Elección da resposta máis axeitada ao contexto e ás circunstancias
- Mellora da xestión do estrés e da calidade de vida
En definitiva, os seus beneficios son visibles nunha chea de calidades tan necesarias como útiles na nosa contorna laboral.
Neste momento en que nos atopamos é especialmente importante adestrar a nosa mente e a atención, coidarnos e permanecer preto de nós mesmos coa cabeza, o corazón e o corpo aliñados e conectados. A nosa vida persoal e profesional agradeceránnolo.
No medio desta incerteza, as empresas temos a capacidade de xerar a confianza que a sociedade está a necesitar. E iso require dun liderado que estea en contacto coa realidade, que se ocupe do futuro. Un liderado responsable e consciente que inspire e inflúa dende o exemplo, un liderado dende dentro cara a fóra que nos acompañe no cambio e que comprenda a interconexión con todo o que nos rodea.