Linkedin converteuse no principal escaparate mundial tanto se estás a buscar emprego, coma se o que queres é fichar talento. Como en todas as redes sociais, se queres ter éxito, non basta con estar, senón que precisas unha estratexia. Esquécete de abrir un perfil e publicar só cando necesitas difundir ofertas de traballo! Se realmente queres utilizar Linkedin para atraer talento á túa compañía alimenta a túa estratexia: busca un estilo de comunicación, identifica os valores que queres transmitir, interacciona cos grupos, constrúe unha importante rede de contactos e, sobre todo, utiliza as ferramentas que Linkedin pon ao teu alcance.
Se precisas abrir un proceso de selección, segue estes consellos para publicar as túas ofertas de traballo en Linkedin e contactar con candidatos interesantes.
1) Publica a túa oferta como unha actualización
Comezamos pola fórmula máis barata. Se a túa páxina ten moitos seguidores e, sobre todo, son moi activos, publica a túa oferta de traballo como unha actualización do teu perfil de empresa. Sé orixinal á hora de facer atractivo o posto que ofreces, os teus contactos compartirano se es creativo e, por suposto, se o posto de traballo paga a pena. É recomendable que habitúes aos teus seguidores a que visiten a páxina de emprego da túa web e que a teñas actualizada. Deste xeito teranche máis presente como empresa recrutadora e estarán máis atentos cando publiques un novo posto.
Deseña unha estratexia de social media global. O teu candidato pode estar en Linkedin, pero tamén en Facebook ou en Twitter. Sácalle partido a túa presenza social publicando a túa oferta de emprego no resto dos teus perfís sociais.
2) Publica a túa oferta como un anuncio
Se queres chegar non só aos demandantes activos de emprego, senón a perfís que poden encaixar na túa oferta de traballo pero non están a buscar traballo, contrata un anuncio para publicitar o teu proceso de selección. Pódelo facer dende o propio perfil de Linkedin. Segmentarás xeograficamente pola área para a que ofreces o traballo e o seu custo por 30 días de impresións rolda os 140 euros. Non fai falla que sexas Don Draper para redactalo! Linkedin permite consultar anuncios similares cando escribes o cargo. Inspírate nos demais, pero non esquezas ser orixinal, sobre todo á hora de transmitir a personalidade da túa empresa. Sé conciso nos requisitos do posto de traballo para que as ofertas que recibas estean o máis aliñadas posible co que buscas.
3) Difunde a túa oferta en grupos de Linkedin
En Linkedin hai xa máis de 200 grupos de interese. É importante que adiques un tempo para buscar os máis afíns coa túa empresa, aqueles aos que a túa compañía pode achegar máis valor. Se es activo dentro do grupo e compartes contido de interese, non se che verá como un intruso cando decidas publicar as túas ofertas de emprego. Para que sexan ben recibidas e o grupo non as interprete como spam, afaite a publicar os anuncios de traballo só naqueles grupos para os que esta información pode ser relevante. Se lles interesa, compartirana e obterás unha difusión extra.
4) Utiliza ferramentas premium de Linkedin
Linkedin dispón de servizos premium que podes contratar para mellorar o teu traballo de recrutamento. Elixe o que mellor se adapte ás túas necesidades:
Recruiter
Se queres chegar aos mellores candidatos para o posto que ofreces, recomendámosche Linkedin Recruiter. Poderás acceder a toda a rede de perfís, non só á información dos teus contactos, e enviarlles mensaxes. Ademais, permite xestionar as bases de datos de candidatos.
Jobs Network
Esta ferramenta permite mellorar a segmentación de anuncios de emprego conseguindo que aparezan na páxina de inicio dos perfís de posibles candidatos, na súa caixa de correos de entrada ou na túa páxina de emprego.
Páxina de emprego
Mostra a personalidade da túa empresa nun apartado específico adicado a ofertas de traballo no teu perfil de Linkedin. Terás que pagar por este servizo, pero permite personalizar a navegación e as ofertas en función do perfil da persoa que visite a túa páxina.
Se crees que a túa empresa é un bo lugar para traballar, presume diso. Demóstrao na túa páxina de Linkedin e sácalle partido a esta rede social para atopar aos mellores candidatos. A túa empresa meréceo!