Hoxe imos suxerir algúns libros para emprendedores que, aínda que non fan milagres, poida que te axuden a captar ideas ou a consolarte (porque non só a ti che ocorren determinadas cousas).
Coa chegada da primavera e do próximo verán, as horas de luz aumentaron, así que xa non terás tanta preguiza para dedicarlle uns minutos ao día á lectura.
Desenvolvemento de novas empresas
Se estás comezando no mundo da xestión empresarial é preciso que aprendas rápido, polo menos a teoría, aínda que logo o método “proba-erro” vai ser o que mellor funcione .
Estes catro títulos axudarante a establecer unha metodoloxía de traballo na túa nova aventura:
- El método Lean Startup: Eric Ries presenta as empresas de recente creación como se fosen experimentos científicos cos que podes facer moitas probas, pero evitando sempre perder tempo e cartos.
- El punto clave: Malcolm Gladwell cóntache como determinadas condutas sociolóxicas fan que os mercados cambien e a intención por adquirir un produto ou servizo tamén o fagan.
- El dilema de los innovadores: Clayton M. Christensen crea neste libro o termo “innovación disruptiva”. Este concepto significa que hai que adiantarse ás tendencias do mercado e ás necesidades dos clientes.
- El libro negro del emprendedor: Fernando Trías detalla neste libro os erros máis comúns que cometen os emprendedores e explica por que se produciron.
Casos reais
Son seis lecturas que contan dende as experiencias militares de personaxes como Napoleón ou Maquiavelo, ata as traxectorias dos fundadores de Apple e de Nike.
Seguramente de moitas delas poderás extraer consellos para mellorar cada día no teu proxecto empresarial.
- El arte de la guerra: un clásico entre os clásicos sobre estratexias e tácticas militares escrito por Sun Tzu que inspirou a moitos personaxes históricos como Napoleón ou Maquiavelo. Son moitas as leccións que podes aprender deste libro pero, a máis importante, é que a información é poder.
- Steve Jobs: biografía escrita por Walter Isaacson que narra os éxitos e fracasos laborais de Jobs ao longo da súa vida. Trátase dun dos modelos empresariais aos que lles gustaría parecerse moitas empresas.
- Nunca te pares: é a autobiografía do fundador de Nike, Phil Knight. Este libro conta a historia da empresa americana fundada en 1962 que comezou como unha start up cuxo primeiro investimento foron 50 dólares.
- Salir del abismo: este libro está escrito polo gurú do márketing Seth Godin, cuxo título orixinal é The Dip, e é interesante para todo tipo de público, non só para emprendedores. Axudarate a saber se debes seguir co teu proxecto e esforzarte moito máis ou debes pasar a outra cousa.
Xa nos contarás as ensinanzas que sacas dalgúns destes títulos, e quen sabe, ao mellor ata te animas ti a escribir a túa propia experiencia profesional.
Lembra que podes seguir a nosas novidades en Twitter, Facebook, Instagram e na nosa canle de Telegram.
Ata a próxima!
Imaxe de Ben White.