A coñecida como Lei Crea e Crece (Lei de Creación e Crecemento Empresarial) é unha norma que ten como obxectivo principal impulsar o crecemento empresarial en España. Unha das súas grandes novidades é que introduce a factura electrónica obrigatoria para empresarios/as e profesionais. Está aprobada dende outubro de 2022 así que, pendente de data de aplicación, pero co seu desenvolvemento regulamentario xa en proceso, convén saber en que consiste e prepararse para aplicala na empresa.

Por que unha lei que impulse a factura electrónica

A promoción do uso da factura electrónica supón un grande impulso para a transformación dixital das relacións empresariais, reducir custos de transacción e facilitar a transparencia no tráfico mercantil, xa que se considera unha medida clave para atallar a morosidade nas operacións comerciais.

Por iso, esta Lei 18/2022, do 28 de setembro, impulsa a adopción xeneralizada da factura electrónica mediante a modificación da Lei 56/2007, do 28 de decembro, de Medidas de Impulso da Sociedade da Información, e amplía a obrigación de expedir e remitir facturas electrónicas a todos/as os/as empresarios/as e profesionais nas súas relacións comerciais.

A que nos referimos con factura electrónica

Dado que a Lei Crea e Crece fala de factura electrónica, o primeiro é saber a que nos referimos.

Segundo indica o propio regulamento, é "aquela factura expedida e recibida en formato electrónico entre empresarios/as e profesionais na que se documenten operacións comerciais concertadas entre eles".

Pero, para que a unha factura se a considere electrónica, debe cumprir certos requisitos. A Lei Crea e Crece remite a desenvolver regulamentariamente os requisitos de interoperabilidade mínima entre os/as prestadores/as de solucións tecnolóxicas de facturas electrónicas; os requisitos técnicos e de información que deberá incluír a factura electrónica e os sistemas que a procesan para poder controlar a data de pago; e determinar os períodos medios de pago das empresas.

Aspectos principais que recolle a Lei Crea e Crece

• Todos os/as empresarios/as e profesionais deberán expedir, remitir e recibir facturas electrónicas nas súas relacións comerciais con outros/as empresarios/as e profesionais. Ademais, o/a destinatario/a e o/a emisor/a das facturas electrónicas deberán proporcionar información sobre os estados da factura.

• As solucións tecnolóxicas e plataformas ofrecidas por empresas provedoras de servizos de facturación electrónica aos/ás empresarios/as e profesionais deberán garantir a súa interconexión e interoperabilidade gratuítas, do mesmo xeito que as solucións e plataformas de facturación electrónica propias das empresas emisoras e receptoras.

• Durante un prazo de catro anos, dende a emisión das facturas electrónicas, os/as destinatarios/as poderán solicitar copia das mesmas sen incorrer en custos adicionais.

• Neste sentido, as empresas prestadoras de servizos deberán facilitar acceso aos programas necesarios para que os/as usuarios/as poidan ler, copiar, descargar e imprimir a factura electrónica de forma gratuíta. E deberán habilitar procedementos, sinxelos e gratuítos, para que os/as usuarios/as poidan revogar o consentimento dado á recepción de facturas electrónicas en calquera momento.

• As empresas que, estando obrigadas a iso, non ofrezan aos/ás usuarios/as a posibilidade de recibir facturas electrónicas ou non permitan o acceso das persoas que deixaron de ser clientes/as ás súas facturas, serán sancionadas con multas que poden chegar ata os 10.000 euros.

Prazos da Lei Crea e Crece

A Lei Crea e Crece está a desenvolverse regulamentariamente, pero aínda non existe unha data concreta para a súa entrada en vigor (e, con ela, a da facturación electrónica obrigatoria). O que si sabemos é que se fará en diferentes fases:

• No prazo dun ano, a partir do seu desenvolvemento regulamentario, será obrigatoria a factura electrónica para empresarios/as e profesionais cuxa facturación anual supere os 8 millóns de euros.

• No prazo de dous anos, para todos/as aqueles/as cuxa facturación anual estea por baixo dos 8 millóns de euros.

Vantaxes da factura electrónica

A Lei Crea e Crece ofrece un marco regulatorio en sintonía co actual mundo dixitalizado. E a factura electrónica non podía faltar nela, polo seu propio significado e polas vantaxes que implica:

• Mellora a regulación que afecta aos diferentes tipos de transaccións comerciais.

• Permite a redución e control de tempos de pago/cobro.

• Minimiza erros administrativos.

• Suprime custos de envío/impresión.

• Facilita maior control fiscal.

• Facilita a transparencia financeira.

• Combate a morosidade e colabora na loita contra a fraude.

• Aforra espazo físico para documentos administrativos/contables.

• Axiliza transaccións comerciais.

A Lei Crea e Crece aposta, en definitiva, pola transformación dixital, do mesmo xeito que o facemos en R. E por iso poñemos á vosa disposición as máis innovadoras solucións dixitais para empresas; entre elas, a nosa solución Factura Electrónica. Poderedes crear as vosas facturas dixitais facilmente, aforrar tempo automatizando a xestión dos gastos, realizar un seguimento do estado en tempo real dende calquera dispositivo e, ademais, desta maneira xa vos estaredes anticipando á facturación dixital obrigatoria que recolle a Lei Crea e Crece.

Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co teu asesor/a persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario. E para estar ao día das últimas noticias síguenos en LinkedIn.