Entrevistamos a Josep Piqué, empresario, economista e experto conferenciante internacional que vén de participar na Xornada Tecnolóxica R 'Novos tempos, novas oportunidades', recentemente organizada por R e na que se abordaron as tendencias e experiencias de éxito na transformación dixital das empresas.

Cada época aparece marcada pola tecnoloxía dispoñible nese momento. Que papel xoga a tecnoloxía no mundo actual?

J. P.: A tecnoloxía sempre xogou un papel central na definición do escenario político e económico global do momento. Dende a Idade de Pedra ou a dos Metais á tecnoloxía naval que permitiu as grandes navegacións a partir de finais do século XV, pasando pola Revolución Industrial e a hexemonía de Occidente nos últimos séculos. A continuidade histórica de China como suxeito político vai estreitamente ligada á súa superioridade tecnolóxica e, polo tanto, militar. E a perda desa superioridade a mediados do XIX explica tamén a súa obsesión por recuperar a súa hexemonía global a través desa superioridade tecnolóxica, hoxe claramente asociada á revolución dixital e aos seus desenvolvementos en termos de Intelixencia Artificial, Big Data, Blockchain, Machine Learning, etc. A tecnoloxía volve xogar un papel central na evolución da orde mundial.

'A tecnoloxía volve xogar un papel central na evolución da orde mundial'

Non se cuestiona a necesidade de desenvolver e despregar tecnoloxía pero o tema complícase cando se fala de colaboración ou de intercambio de información, onde nos deixan eses individualismos? Como se poden superar esas barreiras e receos?

J. P.: A revolución dixital é tan complexa e multisectorial que non pode abordarse dende a perspectiva dun actor concreto, tanto político como empresarial. Máis que nunca, debemos afacernos ás alianzas e á cooperación, incluíndo a público-privada. E asumindo que, se non é así, non se terá éxito.

Jornadas_tecnologicas

Xa temos aquí a Intelixencia Artificial. Estamos a ver a súa utilidade no sector sanitario ou no militar, pois forma parte do recente pacto AUKUS entre Australia, Reino Unido e Estados Unidos. Que achega a IA a un mundo en pandemia e xeopolíticamente tan complexo?

J. P.: A IA non só veu para quedar senón que cada vez será máis vital para ser competitivos en calquera ámbito. A IA vai moito máis alá do que representaron revolucións tecnolóxicas anteriores, que substituían músculos por máquinas. A IA substitúe neuronas por máquinas, asumindo que moitísimas actividades que hoxe se desenvolven co talento humano, poden facelo máis eficientemente coa IA. O talento humano sempre será imprescindible, pero o seu ámbito de actuación irase centrando naquilo que excede a capacidade dunha máquina, particularmente aquilo ligado ás emocións, a intuición ou a creatividade. Pero a IA fará as cousas máis fáciles ao permitir a concentración do talento e a súa especialización.

'A IA fará as cousas máis fáciles ao permitir a concentración do talento e a súa especialización'

Unha sociedade hiperconectada e dixitalizada pon a proba a privacidade dos datos e dirixe a mirada cara a como protexelos sen menoscabar liberdades, cales son as principais medidas que se están adoptando e discutindo neste sentido?

J. P.: Nese terreo, a Unión Europea tomou unha posición de liderado. A súa capacidade regulatoria transfórmase en global pola potencia do seu mercado interior, malia non contar con grandes empresas tecnolóxicas propias, como Estados Unidos ou China, ou de non estar na punta da innovación e do I+D; e debemos ser conscientes de que, detrás diso, hai un evidente debate sobre os valores que se queren preservar. O dereito á privacidade ou á intimidade e a súa protección fronte a poderes empresariais ou políticos é esencial para preservar as sociedades abertas, baseadas na liberdade e na igualdade de oportunidades e dereitos das persoas. O fondo da cuestión estriba en quen é o propietario dos datos e en como se xestionan. Como é evidente, tal cuestión é respondida de maneira distinta en sociedades non occidentais ou mesmo entre a propia Europa e Estados Unidos. Está en xogo a garantía dos dereitos individuais fronte a abusos dende o poder político ou dende posicións de dominio de mercado.

Jornadas_tecnologicas

Cada día atopámonos con informacións sobre ciberataques en empresas de calquera sector, tamaño ou localización. Así que a ciberseguridade converteuse nunha das súas principais preocupacións, cales son as principais ameazas e como deben afrontar este risco as empresas? Realmente están tan expostas?

J. P.: A ciberseguridade é un tema que debemos afrontar con moita seriedade e con moito rigor. Os ciberataques son unha realidade crecente e as empresas están cada vez máis expostas. Os riscos de non lles facer fronte son altísimos, incluído o de desaparecer do mercado. Hai que investir e hai que aliarse coas empresas que garantan unha protección efectiva, sabendo que iso require dunha adaptación constante e que non se resolve dunha soa vez.

Innovación, transformación dixital, Big Data, IoT... ten futuro unha empresa que non invista en tecnoloxía?

J. P.: A empresa que non invista na dixitalización dos seus comportamentos, procesos e produtos desaparecerá do mercado máis cedo que tarde, como aquelas empresas que no pasado non se adaptaron á evolución tecnolóxica. Non hai proteccionismo que valga. Só vale a adaptación constante a unha realidade que cambia vertixinosamente.