A dixitalización é unha ferramenta clave para estimular a competitividade da economía. Dada a súa importancia, falamos con Javier Franco, director de Marketing Empresas de R, quen nos explica con detalle as claves, custos e o estado actual da transformación dixital no ecosistema empresarial galego. Tamén nos fala doutros conceptos relacionados moi importantes, como a ciberseguridade e a intelixencia artificial.
- Se falamos de presente, como estamos aquí, en Galicia, en canto a transformación dixital empresarial?
A transformación dixital das empresas é un concepto do que levamos falando moitos anos. Houbo unha labor de concienciación e as empresas foron evolucionando de acordo ao que o mercado ía marcando; é dicir, dixitalización que lles permitise competir no mercado.
Ademais, a dixitalización é un proceso continuo. As empresas teñen que apoiarse nas tecnoloxías para facer que os seus procesos de negocio sexan máis eficientes no uso dos recursos.
Fai falta destacar que a dixitalización é tamén un elemento de fidelización, xa que unha empresa prové os seus servizos a uns/unhas clientes/as que demandan un nivel de integración dixital que require un esforzo e un investimento.
- Que máis se percibe nas empresas aquí en Galicia?
Ás empresas cústalles moito a dixitalización. Un podería pensar que a tecnoloxía é cara, pero realmente a tecnoloxía é cada vez alcanzable.
De feito, temos unha experiencia moi interesante co Kit Dixital, unha iniciativa do goberno central con fondos da Unión Europea, onde R participa como axente dixitalizador que pon ao dispor das pemes tecnoloxía de maneira gratuíta. Aí vimos que a adopción da tecnoloxía polas empresas non foi tan intensa como esperabamos.
Hai que pensar na implementación para esa empresa concreta e iso require persoas que coñezan ese negocio. Non é só o traballo dun experto tecnolóxico, senón que fai falta a colaboración dun experto de negocio propio da organización.
Necesítase estar disposto a asumir un investimento en esforzo e compatibilizalo co traballo do día a día. Ademais, non se dixitaliza e acabouse; a tecnoloxía evoluciona, tamén a súa contorna, e temos que repensar unha e outra vez como cambiamos os nosos procesos.
- O tema dos custos ten moita relevancia. Aínda que se está democratizando dalgunha maneira, esa parte económica preocupa, evidentemente, a moitas compañías.
Si, isto é un proceso natural. As tecnoloxías, cando nacen, son caras e empezan a utilizalas as grandes empresas que as poden pagar. Pouco a pouco van baixando eses custos e tamén o tamaño das empresas que poden asumilas.
- Imos falar agora de Intelixencia Artificial. Que cambios esperas co seu desenvolvemento?
Empezo por contar como a dixitalización engancha coa Intelixencia Artificial.
A tecnoloxía que permite a dixitalización é capaz de darme datos estruturados sobre o que está a suceder na miña empresa, no proceso de vendas, fabricación ou atención ao cliente. Eses datos podo convertelos en información que me permite tomar mellores decisións de negocio.
Entón, a primeira etapa é almacenar todos eses datos; a segunda é presentalos dunha maneira visual para que o decisor os entenda; e na terceira aparece a IA, para atopar patróns que están escondidos nos datos. Con eses datos do que sucedeu podemos aprender a predicir o que vai suceder.
En resumo, son modelos preditivos que se constrúen a partir dos datos que temos grazas á dixitalización.
Agora hai tamén outro ámbito da IA que está a cobrar moito valor: a Intelixencia Artificial xenerativa. O cambio de paradigma é apaixonante porque con esa IA calquera pode falar e interactuar. Así que estamos nun momento exploratorio e temos que atopar como esas novas capacidades poden axudarnos a ser máis produtivos.
- Dúbidas e preocupacións pola ameazas que hai, os perigos que din... Que plans se poden adaptar e como poden as empresas combater todo isto?
Creo que todos estamos un pouco tensos porque vemos algo que non entendemos moi ben. Nas empresas temos a preocupación adicional de que, se non somos quen de aplicalo ben e a nosa competencia si, podémonos ver nunha situación difícil no mercado.
Pero, na miña opinión, o perigo da dixitalización e da IA está en que nos fai vulnerables; cando as tecnoloxías fallan os nosos negocios paran. Entón é moi importante que as empresas analicen riscos, tomen medidas e teñan un plan de continxencia que lles permita seguir adiante.
Tamén nos fai vulnerables a ciberseguridade. Con todo, eu penso que a estas alturas do século as empresas xa están concienciadas de que a ciberseguridade é un gran problema e coidala custa diñeiro.
- Agora temos que falar de custos específicos no ámbito da ciberseguridade.
O mellor que pode pasar é que non notes que tes medidas de ciberseguridade porque non pasou nada. Por iso, parece que non se ve o valor; só aparece cando tes un incidente que lle afecta ao teu negocio. É máis fácil investir noutros aspectos que se ven máis claramente.
Pero hai que dedicar recursos a estar protexidos tamén no ámbito da ciberseguridade porque, se non o fago, a miña empresa corre perigo de morte. Isto pode soar un pouco esaxerado pero hai estatísticas que falan de que as pemes que sofren un incidente de ciberseguridade teñen unha letalidade moi alta; é dicir, non duran moito tempo.
- Que solucións lles ofrece R ás pemes galegas en materia de transformación dixital?
Nós traballamos moito para levar á práctica o proceso de democratización e lles achegar a empresas cada vez máis pequenas tecnoloxías que nun principio empezan nas empresas máis grandes. Nacemos como un operador de telecomunicacións e a principal infraestrutura para que unha empresa poida construír a súa dixitalización son as comunicacións. Fixemos un esforzo enorme para estender unha rede de fibra óptica coas mellores prestacións que chega á gran maioría das pemes galegas. No campo da rede móbil, seguimos investindo e avanzando en ter as mellores capacidades (por suposto, incluíndo o 5G) e a mellor cobertura móbil do mercado.Cando deseñamos as nosas propostas de solucións para pemes, incorporamos elementos de redundancia para asegurar que as comunicacións non lle fallan á empresa no peor momento. Incorporamos tamén ferramentas de ciberseguridade que, ademais, contan cun experto dixital que axuda a implementalas, buscando tamén parte de IA xenerativa. Dentro da proposta para pemes, incluímos ferramentas de Microsoft que están a incorporar xa progresivamente este tipo de IA.
- Hai ferramentas dirixidas ás empresas que soportan todos os aspectos da transformación dixital.
Ademais da IA xenerativa temos unha proposta moi interesante de servizos cloud. Son, realmente, como unha infraestrutura base sobre a que as pemes poden despregar as súas aplicacións sabendo que se cumpren uns mínimos de aseguramento do servizo.
Da parte de personalización poden ocuparse infinidade de pequenas empresas tecnolóxicas que lles dan servizo ás pemes e realizan este traballo de adaptación.
En canto á explotación dos datos, temos un departamento especializado dentro da área de empresas. A base de adquirir experiencias replicables adaptamos os custos e xa hai empresas de tamaño intermedio que están a afrontar este tipo de proxectos porque lles ven unha rendibilidade.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co teu asesor persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario. E para estar ao día das últimas noticias síguenos en LinkedIn.