Adrián Bertol, responsable de Analítica e Intelixencia Arficial de R, fálanos sobre os últimos avances en Intelixencia Artificial e cara a onde se dirixe, con especial atención á súa aplicación e potencial para as empresas galegas.
- Que momento atravesa a Intelixencia Artificial en Galicia?
Ao longo do último ano houbo moito interese, fundamentalmente pola popularización de ferramentas que están en mans de calquera persoa a través dun computador ou dun móbil, o cal tamén calou nas empresas, onde hai maior inquietude por utilizar a Intelixencia Artificial.
A respecto de Galicia, hai informes nos que se reflicte que na comunidade galega estase a utilizar a IA máis que noutras partes de España. No ano 2021, un 21% das empresas galegas utilizábana, e isto xa era previo a todo este salto con ChatGPT e outras ferramentas. Por tanto, podemos dicir que Galicia estivo ben posicionada á hora de incorporar estas tecnoloxías. O nomeamento de AESIA para A Coruña tamén é un bo exemplo.
Adrián Bertol: “ En Galicia está a utilizarse a IA máis que noutras partes de España”
- Falamos de salto, da AESIA, da IA xenerativa... Que é para ti o máis importante dese salto?
Para min, o máis importante é a democratización en canto á capacidade do seu uso. Ata o de agora, a IA entendíase como algo moi complexo que só sabían usar persoas moi especializadas, e agora está en mans de calquera, que pode utilizar eses modelos. Dada a dificultade para atopar persoal especializado, é moi importante que se estendan ferramentas para que persoas non tan especializadas poidan facer certas funcións relacionadas coa IA.
A IA xenerativa vémola en aplicacións específicas. Na administración pública, antes entrabas nunha web, facías unha consulta e devolvíache respostas moi estereotipadas; agora permíteche establecer unha conversación. E as persoas maiores poden interaccionar de maneira natural con esa Intelixencia Artificial; chega a colectivos ata o de agora impensables.
- Non se se hai que poñerlles deberes aos/ás empresarios/as galegos/as. Fasnos un diagnóstico de como está o ecosistema empresarial galego en canto á implantación do uso da IA?
Unha cousa positiva é que se puxeron os deberes a eles/as mesmos/as. Houbo moitos/as empresarios/as aos/ás que antes tiñamos que convencer, aos/ás que mesmo os seus equipos de tecnoloxía trataban de convencer, e agora é ao contrario, as iniciativas xorden das propias direccións das empresas.
- En que servizos se produciu a implantación de forma máis áxil? E que usos se ven?
Segundo datos dun informe específico de Galicia, onde máis se está utilizando a IA é en optimización de procesos en industria (téxtil, automoción, agroalimentario...) Quizais é o uso máis común e claro para as empresas porque supón un retorno do investimento moi visible.
En canto á IA xenerativa, destacan os temas de atención ao cliente de calquera sector.
- Poñéndonos na pel dun/dunha empresario/a autónomo/a que opta por lanzarse a esta aventura da IA, como fago un bo uso deses datos que se xeran?
Hai un informe do Foro Económico Mundial que fai unha serie de recomendacións en canto ao uso da Intelixencia Artificial.
O primeiro de todo non é poñerse a desenvolver a IA; é pensar en que ámbitos da empresa necesito un cambio, analizar en que puntos pode haber unha achega ou un potencial beneficio. A partir de aí, faise un piloto para saber cales son os casos prioritarios, próbanse as tecnoloxías e, se funcionan, pódese ir adiante realmente cun proxecto.
Normalmente, as carencias que teñen as empresas son de orientación, non saben nin por onde empezar, e, unha vez teñen claro que facer, o seguinte paso é como desenvolvelo, xa que adoitan carecer de persoal propio e teñen que apoiarse nun ecosistema no que non sempre hai empresas suficientes (aínda que en Galicia xa hai algunhas).
- Mencionabas todos eses pasos que nos levan á analítica de datos, aos seus resultados e á aplicación da Intelixencia Artificial.
As empresas teñen información e datos; o que lles falta é a capacidade de analizalos e entendelos. A IA permite pasar de analizar datos nun excel e contar o que pasou ata o de agora a ver o que vai pasar nun futuro e tomar mellores decisións.
Adrián Bertol: “A IA está a permitir pasar de analizar datos nun excel e contar o que pasou ata o de agora a ver o que vai pasar nun futuro e tomar mellores decisións”
Ademais, resulta indispensable posicionarse no mercado mundial. Ás empresas permítelles anticiparse e ter a capacidade de competir con outras empresas de ámbito nacional ou mesmo internacional, detectar oportunidades de negocio e facer máis eficiente a súa operativa.
Eu recoméndolles ás empresas que entendan que o momento é agora porque se non chegará un momento en que será tarde.
Todo vai encamiñado cara a unha maior automatización e a utilizar a IA para mellorar a produtividade.
As IA xenerativas van ser cada vez máis capaces e vanse aplicar a moitas máis cousas.
A que punto estamos a chegar, aínda que aínda lle falta madurar a todo isto? A que a IA, ensinándolle obxectos ou facendo formas coas mans, poida chegar a interpretar o que lle estás dicindo.
A IA diríxese a unhainteracción máis completa co ser humano.
Adrián Bertol: “A Intelixencia Artificial avanza cara a unha interacción máis completa co ser humano”
- E cara a onde imos aquí en Galicia? Temos empresas tecnoloxicamente punteiras, A Coruña vai acoller a sede da AESIA... Por tanto, podemos ser optimistas.
Si, foi unha moi boa noticia cando se anunciou que se ía a nomear A Coruña como sede da AESIA. Vai atraer persoal público, investigadores, eventos á cidade da Coruña e, en xeral, a Galicia, pero ten que servir tamén como un impulso para que as propias empresas galegas se dean conta do importante que é que outras empresas tecnolóxicas tamén queiran facer uso diso. Para artellar na súa contorna empresas e darlles oportunidades a startups galegas que queiran emprender no sector da tecnoloxía e da IA. Un exemplo é a Cidade das TIC.
Para terminar, é importante que a IA entenda o galego e se insira nas ferramentas de procesamento de linguaxe natural. Isto tamén pon no mapa a Galicia no ámbito da Intelixencia Artificial.