Maker Faire aterriza de novo en Galicia en novembro, concretamente na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela. Trátase da maior feira de makers ou inventores do mundo. Nela danse cita todo tipo de disciplinas, robótica, gastronomía, arte, ciencia, música, electrónica, etc.
Un evento no que diferentes profesionais comparten os seus coñecementos co público, ao que lle mostran os seus proxectos.
De San Francisco ao mundo
Este evento orixinouse no ano 2006 na baía de San Francisco. Xurdiu como un proxecto dos editores da revista Make: Magazine e hoxe en día converteuse nunha rede mundial de eventos producidos independentemente.
Os makers crearon o seu propio movemento que ten como filosofía o “Faino ti mesmo”, aplicando tecnoloxía con software libre. Os integrantes da corrente maker destacan pola súa capacidade de solucionar problemas do día a día en diferentes ámbitos.
Terceira edición en Galicia
Este ano celébrase a terceira edición do Maker Faire en Galicia, os días 24, 25 e 26 de novembro. Está considerada como unha das feiras más importantes da península ibérica na que se dan cita moitos profesionais e makers.
A celebración deste evento non sería posible sen o traballo duro de Marcos e Enrique Saavedra (de Vermis Project), de Matilde Rodríguez (do proxecto de xestión cultural O gato cósmico) e de Chus Prol (xestora do espazo colaborativo Doutroxeito Coworking).
Inscrición
Esta feira, xunto coa de Roma e París, é unha das cinco de Europa que conta con máis visitantes. E para non perder esta edición, podes inscribirte a través da súa páxina web, tanto se queres asistir como maker, voluntario ou aportar o teu gran de area.
Salto internacional
A premisa da feira deste ano é dar o salto internacional. Para acadala, desta volta contarán con relatores e expositores procedentes dos Estados Unidos ou do Reino Unido, entre outros países.
A presenza estrela do Galicia Maker Faire será Richard Stallman, creador do movemento do software libre.
Trátase dunha oportunidade única en Galicia, que non se pode perder!
Ata a próxima!