Escoitar música activa o noso cerebro. Así o demostran varios estudos científicos, pero hai que comprobar de que forma o activa á hora de traballar. Pode que no teu caso particular a música provoque o aumento de concentración e che axude a eliminar a tensión, pero a música non provoca os mesmos resultados en todo o mundo e os seus efectos varían dependendo do tipo de actividade que se realice.
Cando realizas unha tarefa mecánica a música axudará a que te concentres e a que non quedes durmido . Pero se tes que facer unha tarefa que require un esforzo intelectual, hai moitas posibilidades de que te distraia e che custe alcanzar a concentración.
Que música escoitar?
Se che gustan todos os xéneros musicais debes escoitar cada un en determinadas situacións laborais. Se estás a realizar actividades en movemento ou eres deportista, o rock, en todas as súas variacións, é ideal para concentrarse neste tipo de tarefas.
Por outra banda, se estás a realizar unha tarefa na que estás en contacto presencial con provedores ou clientes o xénero que mellor se adapta é o pop, o indie ou calquera tipo de música que transmita tranquilidade.
Se tes que realizar un traballo creativo, o mellor é optar polo jazz ou música clásica que che permita relaxarte e ao mesmo tempo concentrarte na tarefa que estás a realizar.
E se o que tes que facer son os balances financeiros da túa empresa ou preparar as nóminas dos teus empregados, vas necesitar unha concentración máxima e para iso o mellor é a música repetitiva que non permita que te desconcentres minimamente.
Música mestre
Hoxe en día todo o mundo dispón dun mp4, leva toda a súa música no seu móbil para ir escoitando pola rúa ou mentres se despraza. Pero á hora de traballar o máis cómodo é ter a túa música no teu PC ou tablet e que mellor que telo online para acceder dende calquera dispositivo e dende calquera lugar. Existen numerosos reprodutores de música online gratuíta pero que inclúen publicidade como Youtube ou Spotify. Este último tamén dispón dunha versión de pago que omite os anuncios.
Ademais, na rede temos outras opcións gratuítas que nos permiten escoitar música sen limitacións, ou con menos que os reprodutores máis populares.
- Jango, reprodutor online no que só se visualiza un anuncio ao día e que permite elaborar listas de reprodución.
- The Sixty One, reprodutor online que contén música máis alternativa e menos comercial e que os autores se encargan de subila á plataforma online para que a podamos escoitar.
- Cliggo, reprodutor online que ten dispoñible tres listas de reprodución coas cancións, músicas e xéneros con máis reproducións. Toda a música que forma parte desta plataforma obtense de Youtube e mesmo se poden visualizar os vídeos.
E ti, que tipo de música escoitas para traballar?
Ata a próxima!
Imaxe de Siebe Warmoeskerken