Que para vivir ben non fai falta moito é unha frase que oímos centos de veces. E máis en Galicia.
Durante os últimos anos vivimos toda unha revolución ao redor disto. A máis coñecida foi a liderada por Marie Kondo. Esta xaponesa converteuse nun fenómeno mundial, axudando a millóns de persoas a poñer orde na súa vida, desfacéndose de todas aquelas cousas superfluas que tiñan no seu armario para quedar só co esencial.
Que é o minimalismo?
O minimalismo é un modo de vida no que o principio máis importante é: reducir as cousas á súa mínima expresión, deixando de lado o superfluo para manter o esencial.
Aplicalo significa quedar co básico e gozar de maior liberdade.
Nos últimos anos, a filosofía minimalista calou entre os emprendedores que decidiron que esta maneira de entender o día a día tamén se pode aplicar aos seus negocios.
Nas empresas o principio máis importante do minimalismo é o mesmo que o que se aplica á vida diaria: se algo é útil, consérvao. En caso contrario, é mellor eliminalo. Aplicalo non significa deixar de correr riscos ou ser pequeno. Significa buscar o equilibrio entre ingresos e clientes, tomar decisións meditadas e crecer só en áreas onde un aumento proporcione valor engadido.
10 claves minimalistas para o teu negocio
- Simplifica o teu negocio. Reduce calquera proceso que resulte confuso. Isto vai desde a maneira de xestionar pedidos ata a forma na que te comunicas cos teus clientes. Implantar procesos complicados e ofrecer un exceso de información convertéronse en prácticas da “vella escola”. Impúxose o simple e sinxelo
- Atopa a túa comunidade. Céntrate nun nicho de mercado. Canto mellor entendas aos teus clientes máis fácil será satisfacer as súas necesidades e medir a seu ROI (retorno do investimento)
- Céntrate no esencial. Agrupa todos os produtos e servizos que ofreces aos teus clientes. Internet democratizou o mundo da comunicación. Hoxe en día é posible chegar a un gran número de persoas cun custo mínimo. Hai moita competencia pola visibilidade, pero se fas algo que achegue valor, chegarás a quen ti queiras.
- Define meticulosamente o propósito de cada paso que deas. Non deixes nada ao azar e evita na medida do posible o ensaio-erro.
- Non teñas medo ao cambio. Se algo non funciona, déixao.
- Racionaliza os teus recursos. Decide que podes externalizar na túa empresa para mellorar o teu propio proceso produtivo e a relación que tes cos teus clientes.
- Dixitaliza a túa empresa para monitorar todos os procesos posibles. Busca datos que demostren o progreso dunha meta importante. Eses datos axudarante a saber se estás a seguir o teu obxectivo.
- Confía en ti mesmo. Evita comparacións. É o teu proxecto, ten o teu ritmo e as túas propias regras.
Aproveita o minimalismo para “poñer orde” no teu espazo de traballo físico e dixital. Un espazo ordenado evita distraccións e axúdate a centrarte no teu obxectivo.
- Escolle calidade no canto de cantidade.
O minimalismo triunfa cada vez máis entre os emprendedores. Moitos comprenderon que as estruturas pequenas teñen maiores vantaxes como a flexibilidade. Son capaces de adaptarse con rapidez ás novas tendencias do sector e posúen unha operativa sinxela, fácil de modificar fronte a imprevistos ou cambios repentinos.
E ti, apúntaste? 😊