Cando superemos a dura proba que supón para todos/as nós a actual crise sanitaria, só entón decatarémonos de verdade dos cambios que estes meses supuxeron nas nosas existencias. Nas nosas vidas cotiás, no noso xeito de traballar e de relacionarnos naquel momento en que non podiamos vernos fisicamente.
O termo de transformación dixital, tan manido xa a día de hoxe, leva tempo lembrándonos de que maneira a evolución tecnolóxica nos axuda a mellorar as nosas empresas, a optimizar o seu rendemento e a aproveitar ao máximo os seus recursos.
Pero é na actualidade, neste momento crítico do COVID-19 cando de verdade cobra un especial protagonismo.
Teletraballo, camiño ineludible
A alarma sanitaria ocasionada polo coronavirus esíxenos ser solidarios e responsables evitando poñer en risco a nosa saúde e a dos que nos rodean, interactuando o menos posible de forma presencial. Como consecuencia diso, asistimos nas últimas semanas a un proceso de cambio acelerado naqueles negocios que atopan no teletraballo unha alternativa real para seguir desempeñando a súa actividade e na presenza dixital dos seus negocios como a vía principal para o mantemento da súa actividade.
Esta situación sitúanos ante un reto: poñer a proba o grao de dixitalización actual dos nosos procesos de traballo, é dicir, en que medida estamos preparados para que a actividade das nosas empresas non estea comprometida en situacións como as actuais. Falamos da posibilidade de poder traballar desde calquera lugar e en calquera momento de forma áxil, segura e sinxela, pero tamén da automatización e robotización dos nosos procesos.
O gran reto dos operadores de telecomunicacións
Trátase, sen dúbida, dun reto importante, que moitas empresas xa implantaron e seguen facendo, dotándolles de capacidades e minimizando os riscos na continuidade dos seus negocios. A tecnoloxía, como noutras ocasións, está a ser o noso grande aliado para superar este reto, que lograremos coa responsabilidade de todos e cada un de nós. En R estamos a traballar, conxuntamente co resto dos operadores de telecomunicacións, para garantir a totalidade dos nosos servizos de comunicacións, seguridade e servizos na nube ás empresas e habilitando de maneira acelerada a posibilidade de que todos os seus colaboradores que requiran teletraballar estean en disposición de facelo.
Neste novo escenario, e máis aínda se cabe, é moi importante seguir lembrando a criticidade de asegurar un tráfico de datos limpo e seguro con solucións como o Firewall virtual para garantir a seguridade global das infraestruturas e accesos, tanto dos servizos de datacenter como das localizacións remotas que acceden á rede corporativa, permitindo unha navegación segura e un control total da rede.
Ferramentas colaborativas e desafío de futuro
Parellamente, ferramentas colaborativas como Teams ou Skype vólvense esenciais para os equipos de traballo, onde as persoas necesitan compartir documentos e celebrar reunións dunha maneira fluída e transparente, coma se estivesen na súa propia oficina, mediante chat e chamadas tanto individuais como en grupos.
Estas son só algunhas ferramentas e recomendacións que podemos dar e que son reflexo da importancia da tecnoloxía nunha crise como esta. Nestes momentos é cando as empresas demostran o seu compromiso cos seus empregados, cos seus clientes e coa sociedade.
Agora, o reto da dixitalización tamén é coadyuvar a que as empresas e as persoas afronten con serenidade e profesionalidade o futuro, e contribuír ao obxectivo último de saír canto antes e reforzados desta crise que excede os límites da saúde e lles afecta de maneira global a todos os ámbitos da nosa sociedade e da nosa economía. Estamos no medio da loita e aínda queda moito camiño por percorrer, Poñeremos o resto para acadar este desafio de futuro; está en xogo o presente das vindeiras xeracións e o avance, en suma, da Humanidade.
Isidro Fernández de la Calle
Director Corporativo Empresas de R