Hai meses falámosche das razóns polas que o voso negocio debería ter un blog. A principal é que sexas quen de lle achegar información de valor ao lector, contándolle que fas e que hai de novo no teu sector.
E se non teño nada que contar?
Todas as marcas teñen algo que contar porque todas teñen un valor que lle achegar ao cliente. Como contalo é unha arte ao que chamamos copywriting. Esta práctica consiste en escribir contido co obxectivo de persuadir e incrementar o coñecemento da marca. Trátase de contar quen es e por que fas as cousas dunha maneira concreta.
Non podemos darche unha fórmula exacta (se a coñeces, dínolo :P) pero deixámosche aquí catro consellos para que tentes enganchar os teus lectores.
Escribe un titular que chame a atención
Pensa que o titular é o primeiro que ve un lector. Esa liña debe explicar de que trata o artigo. Os lectores deben saber que van ler. Para chamar a súa atención tenta ser creativo, inventa palabras se é necesario. Co paso do tempo poderás analizar que titulares son os que máis chaman a atención.
Intenta ser claro, conciso e específico
Ordena as ideas dos teus artigos. Axudarás a que o lector siga o contido. Algúns autores optan por realizar listas. Á xente gústalle a orde e se le no titular 10 cousas que... ou 4 lugares nos que..., saberá que vai ver unha lista simple e detallada que lle axudará a encontrar o que busca.
Ofrece algo que resulte útil
Escolle temas relacionados co teu negocio que poidan achegar valor ao cliente. Lanza consellos e non esquezas informar de novidades e tendencias.
Fala do valor do teu produto de forma sincera e sen fantasías
Explica como fas as cousas e por que deberían escollerte a ti e non a outro. Agora ben, non enganes a ninguén. Se prometes algo, debes cumprilo ou polo menos debes explicar por que non pode ser.
Aínda que a conversión non é inmediata, técnicas como o copywriting poden axudarche a:
- Converter lectores en clientes.
- Enganchando máis ao lector, consegues reter máis a súa atención.
- Crear un bo vínculo entre o lector e a túa marca.
- Conseguir levar tráfico á túa web.
Como podo saber que funcionou?
Despois de poñer a túa estratexia en marcha debes detectar se conseguiches impactar o lector. Para iso recomendámosche:
- Medir os teus artigos para saber cales son os máis lidos. Isto darache unha idea do que os lectores queren ler,
- Utilizar analytics para engadir nos teus artigos as palabras que máis buscan os teus lectores.
Non desesperes se ao principio non recibes moitas visitas ou feedback, é unha cuestión de tempo. Escribe pensando no lector e se es constante, ao final obterás resultados.
imaxe: Unsplash