A túa web é a carta de presentación da túa empresa ou negocio. Queres que sexa visualmente atractiva, con contidos interesantes, fácil de usar e que estea ben posicionada en buscadores, obxectivos que podes lograr grazas ao uso das denominadas ferramentas SEO (Search Engine Optimization). E nesa ecuación de prioridades non debe faltar a seguridade.
Cales son os principais aspectos que cómpre coidar na páxina web da túa empresa?
Reputación e posicionamento:
A reputación web é indispensable para xerar tráfico na vosa web e que os usuarios vos localicen facilmente cando realicen procuras sobre o voso sector, produtos ou servizos. Que a vosa web apareza ben posicionada está estreitamente relacionado con aspectos como a solvencia do dominio; con non figurar en ningunha listaxe de software antimalware; ou con usar un servidor que non conteña virus nin se relacione co envío de spam.
Unha das sorpresas máis desagradables que vos podedes atopar é descubrir que o voso dominio figura en listaxes negras de correo; é dicir, que se usou para o envío masivo de correos publicitarios e por iso os provedores da internet ou de dominio vos bloquearon. Neste caso, debedes confirmar canto antes que a seguridade do voso dominio non foi comprometida, modificar todos os contrasinais e contactar cos provedores para resolver a situación.
Dispoñedes dunha chea de ferramentas, moitas delas gratuítas, que vos poden axudar a mellorar e consolidar a vosa correcta reputación en liña.
Certificados Web:
Se queredes dispoñer dunha web profesional que resulte segura e fiable para os usuarios, debedes dispoñer dun certificado web emitido por unha autoridade certificadora recoñecida que acredite, para empezar, que sodes quen dicides ser e, ademais, os propietarios do dominio. Actualmente, o certificado máis completo é o denominado SSL EV (Certificado de Validación Estendida). Esta certificación tamén vos axudará a posicionar mellor a páxina en buscadores.
Se a vosa web é segura, ao acceder á web verase un cadeado na barra de direccións do navegador, o cal redunda nunha mellor imaxe e maior confianza na vosa páxina e, por extensión, na vosa empresa.
A día de hoxe, a maioría dos navegadores usan a navegación segura de Google e é o propio buscador quen escanea de forma permanente todas as páxinas para detectar malware. Ante unha notificación de páxina non segura, hai que actuar con rapidez antes de que poida supoñer a perda ou o roubo de información da vosa empresa ou dos vosos clientes.
En suma, a web da vosa empresa é seguramente o mellor escaparate para lle mostrar ao mundo os vosos servizos e produtos pero debedes coidala, actualizala e protexela das diferentes vulnerabilidades que cada día circulan e se reinventan pola rede. No mercado existen diferentes ferramentas que axudan a detectar as vulnerabilidades máis coñecidas. Ferramentas en liña como ‘The Mozilla Observatory’ ou ‘Sucuri’ e aplicacións que vos podedes descargar como OWASP ZAP achegan información detallada sobre malware, fallos de seguridade, carencias e debilidades que poidan existir no voso sitio web.
Se queredes saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscribídevos ao noso boletín ou contactade con noso equipo da área comercial Empresas.