Nun mundo hiperconectado, as noticias voan a vertixinosa velocidade. E se esas noticias son falsas? As noticias falsas, coñecidas habitualmente como "fake news", disparáronse nos últimos tempos e convertéronse nun auténtico quebracabezas para as empresas que son vítimas delas.
As "fake news" son noticias falsas que crean e/o divulgan datos non verificados, manipulados ou que directamente non son certos. Así as define a Unión Europea: "Un ecosistema de produción, propagación e consumo de información falsa, inexacta ou enganosa que ten afán de lucro e busca causar dano público".
Porque detrás das "fake news" pode haber motivos persoais, sociais, ideolóxicos, políticos ou económicos.
Aínda que poden chegar a través de textos, imaxes ou vídeos, as redes sociais son, sen dúbida, o soporte favorito para a difusión de "fake news". A súa inmediatez, brevidade e potencial viralidade son unha combinación explosiva para difundir mensaxes que chegan en pouco tempo a un gran número de persoas.
Ademais, segundo un estudo do prestixioso MIT (Instituto Tecnolóxico de Massachusetts), as noticias falsas teñen un 70% máis de probabilidades de ser compartidas. Como é posible?
Nunha era marcada pola inmediatez e pola sobredose de información, é fácil non acertar a distinguir os contidos reais dos que non o son e non pararse demasiado a verificar e contrastalos. En resumo, o escenario perfecto para a multiplicación das "fake news".
As "fake news" nas empresas
As empresas son, xunto coas personalidades públicas, as que máis sofren as "fake news".
Casos soados en marcas como Starbucks, Amazon ou United Airlines, deixaron en evidencia o problema e provocaron que algunhas empresas decidisen anticiparse ao que poida ocorrer, definindo protocolos específicos e poñendo en marcha equipos de traballo especializados.
Porque a información falsa provoca grandes problemas en calquera organización, independentemente do seu tamaño ou sector de actividade. Entre outros, aféctalle á reputación e credibilidade da empresa, á profesionalidade que se transmite a posibles socios ou colaboradores, á estabilidade financeira… ou tradúcese directamente nunha redución de vendas e clientes.
No ámbito empresarial, a intención das "fake news" adoita ser desprestixiar; e en moitas ocasións, aínda que poucas veces con argumentos, as miradas dirixíronse á competencia ou a novas empresas que tentan desestabilizar o mercado para facerse un oco.
Pero o certo é que as "fake news" contan con múltiples focos de orixe e ningunha empresa está a salvo delas, así que vos damos unha serie de pautas e recomendacións que axudan a minimizar danos:
• Contar cunha estratexia de comunicación ben definida e planificada que inclúa un manual, protocolo ou guía de actuación actualizado e realista, o máis detallado posible, cos pasos que cómpre seguir no caso de que a empresa se vexa afectada por algunha "fake new".
Tede en conta que a rapidez é fundamental para atallar a crise e a improvisación resulta temeraria, así que as directrices deben establecerse con antelación para unha resposta coordinada inmediata.
• Anticiparse. Coñecedes a vosa empresa mellor que ninguén e seguramente teñades en mente cales poden ser os vosos puntos débiles para hipotéticas "fake news". Que non vos pillen por sorpresa.
• Analizar e monitorizar a información. Antes de actuar, cómpre saber que se di, como, onde e a quen. Os detalles son importantes, do mesmo xeito que o soporte ou medio de difusión e a audiencia alcanzada, para reaccionar de forma adecuada e proporcionada.
• Coidar a relación con medios e contactos. Nos medios de comunicación (os recoñecidos e de reputación fiable), en asociacións ou mesmo en profesionais de recoñecido prestixio podedes atopar bos aliados para contrarrestar as informacións falsas.
Dispoñer dunha boa axenda de contactos facilita e amplía as posibilidades de difundir novas propias que si son certas, con datos completos e actuais, e que deixan en evidencia as "fake news". Ben abordadas, as "fake news" poden mesmo converterse nunha oportunidade para reforzar e reactivar a vosa imaxe de marca ofrecendo informacións veraces, detalladas e transparentes.
• Buscar asesoramento. No mercado existen empresas ou profesionais especializados en reputación corporativa, imaxe de marca ou lexislación que poden axudarvos no caso de que a vosa empresa se vexa afectada por noticias falsas.
Necesitades coñecemento, contundencia, axilidade e tamén realizar unha análise de consecuencias, xa que non é fácil saber que reacción pode xerar a vosa resposta. As opcións van dende a indiferenza ás críticas negativas ou mesmo ás demandas por danos á imaxe.
Tamén podedes recorrer ás autoridades competentes para que vos orienten sobre como actuar en función da gravidade e das consecuencias das faltas ou delitos (se os hai) que se cometeron.
As noticias falsas non figuran como delito específico no Código Penal español. Con todo, a Lei contempla castigos para delitos cos que se poden relacionar, como inxurias e calumnias, estafa ou odio, e aborda de forma explícita os danos ocasionados ao prexudicar a posición no mercado.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co teu asesor persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario. E para estar ao día das últimas noticias síguenos en LinkedIn.