Coa revolución das redes sen fíos e a irrupción do 5G, hai moita información e novidades que compartir, e con ese propósito acabamos de organizar o almorzo dixital 'Comunicaciones del futuro: 5G y SDWAN'.

Neste encontro aproximámonos de forma realista ao estado actual da tecnoloxía 5G, analizando o seu potencial como dinamizadora de novos casos de uso, especialmente en contornas empresariais, e a aparición de novos modelos de negocio baseados nas súas capacidades.

5G é a primeira tecnoloxía móbil que se deseñou pensando en diferentes usos. De entrada, a tecnoloxía 5G dálles resposta a tres casos de uso estándar: aqueles que requiran altas velocidades de transmisión e amplas coberturas; aqueles que requiran moita densidade de conexión; e aqueles onde a fiabilidade e a latencia sexan críticas.

Co 5G xorden novos conceptos tecnolóxicos como Network slicing, que permite dividir a rede en varias redes lóxicas para dar un servizo a medida das necesidades de cada cliente, e Edge computing, para levar a complexidade do procesado de datos preto do servizo que os demanda.

Son múltiples as melloras respecto ao 4G, dende as velocidades medias e de pico ata a eficiencia enerxética, a capacidade de tráfico ou a seguridade reforzada de rede e usuario. Pero o 5G é moito máis que velocidade; é unha grande oportunidade tecnolóxica para os diferentes sectores empresariais que xa se plasma en múltiples novos casos de uso: Realidade Aumentada, Connected Automotive, Smart Manufacturing ou Wireless Home Entertainment.

Como se preparan mercado e empresas ante a chegada do 5G?

Países como Alemaña xa reservaron 100 MHz para uso privado da industria e empresas como Siemens ou Bosch xa teñen as súas redes privadas 5G, con flexibilidade, seguridade e baixa latencia garantidas.

Ao mesmo tempo, xorden alianzas e estratexias entre operadores, que se fan máis necesarias cando falamos de despregamentos en altas frecuencias e nos que toma protagonismo a figura do operador neutro de infraestrutura de telecomunicacións.

Retos pendentes da tecnoloxía 5G

A día de hoxe, quedan por resolver varios retos en relación ao ecosistema 5G, entre eles, a liberación pendente do 'segundo dividendo dixital', atrasada pola pandemia, ou completar a licitación e reordenación da banda 3400-3800 MHz, vital, xa que vai ser a que soporte a maior parte do tráfico 5G.

5G_empresas

Ademais, os fabricantes necesitan entre un ano e ano e medio para integrar o estándar nos seus equipos, polo que de momento os equipos 5G comerciais actuais son NSA (Non Stand Alone), a radio é 5G pero o core é o de 4G e, por tanto, non son totalmente eficientes e tampouco ofrecen todas as altas prestacións do estándar.

O aspecto normativo tamén ten diversos aspectos importantes sen pechar, especialmente no que se refire á Directiva Europea de Ciberseguridade chamada EU Toolbox de seguridade para as redes 5G e aos posibles vetos a algúns fabricantes.

A día de hoxe, todos os fabricantes ofertan terminais 5G, mesmo en modelos de gama media, pero é necesario que se amplíe o parque de terminais compatibles.

Doutra banda, a tecnoloxía 5G require realizar os despregamentos de fibra ata o nodo e moita densidade de nodos pero, neste caso, España sitúase nunha posición privilexiada xa que conta co despregamento de fibra máis extenso de Europa.

SDWAN, a tecnoloxía para unha rede persoal virtualizada

Unha evolución tecnolóxica de interese para o mundo da empresa da que tamén se falou no almorzo dixital é a chamada SDWAN, Software-Defined Wide Area Network, que permite construír unha rede persoal virtualizada utilizando conectividade pública ou privada. Javier Franco, responsable de Producto e Solucións do segmento Corporativo Empresas do Grupo Euskaltel, fixo unha descrición do concepto tecnolóxico que subxace nas diferentes implementacións de SDWAN que existen no mercado, baseadas en trasladar a intelixencia ao equipamento nos extremos a través da monitoraxe constante da calidade das liñas, establecemento de túneles cifrados e identificación e encamiñamento do tráfico identificado a nivel de aplicación.

Comparáronse as características das redes privadas baseadas en SDWAN coas que se constrúen no core do operador xeralmente con tecnoloxía MPLS, e fíxose unha reflexión sobre as capacidades adicionais que achega SDWAN e en que escenarios empresariais se produce unha achega de valor real para as organizacións.

Finalmente revisouse o estado desta tecnoloxía dende o punto de vista de axentes do mercado e dos modelos de comercialización que expoñen.

Podes ver aquí o Almorzo Dixital 'Comunicaciones del futuro: 5G y SDWAN'.

Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta con noso equipo da área comercial empresas.