"Compliance" é un termo inglés que se refire a cumprimento normativo. Engloba aqueles procedementos e boas prácticas establecidos polas empresas para identificar riscos operativos e legais e establecer formas de prevención, xestión e resposta.
O "Compliance" non é algo novo. Este concepto xurdiu en Estados Unidos xa na década dos anos 70 como reacción a casos de corrupción que ameazaban a libre competencia no sector financeiro. En 1997, os membros da OCDE acordaron "a loita contra a Corrupción de Axentes Públicos Estranxeiros nas Transaccións Comerciais e Internacionais". En 2005, o Comité de Supervisión Bancaria de Basilea, que é o organismo encargado a nivel mundial da regulación prudencial dos bancos, referiuse ao "Compliance" nos seus estatutos e alertou dos riscos do seu incumprimento por parte das empresas. Pero é agora cando se converteu en algo habitual en moitas empresas e a figura do Compliance Officer comeza a ter unha presenza destacada.
Aspectos clave do compliance
O "Compliance" é unha ferramenta que permite cumprir preceptos legais e evitar problemas derivados do incumprimento dunha lexislación nacional e internacional que é máis completa, intensa e complexa que nunca e que, ademais, se actualiza continuamente.
É, por tanto, un instrumento de carácter preventivo e serve para evitar (ou polo menos minimizar) sancións debidas a irregularidades ou comportamentos inadecuados que comprometan á compañía.
De maneira xeral e práctica, o "Compliance" empresarial ten como obxectivo reducir o risco da comisión de delitos mediante a posta en marcha de diversas medidas e estratexias. A empresa xógase moito niso porque, entre as sancións impostas, non só están as económicas, senón tamén a posible prohibición para executar ou realizar determinadas actividades e mesmo a inhabilitación para obter subvencións e optar a contratos públicos.
É importante destacar que, ademais, os clientes son cada vez máis esixentes respecto a como se comportan as empresas en cuestións de ética e boa conduta.
Compliance na lexislación española
O "Compliance" aparece reflectido no Código penal español dende o ano 2010; en concreto, no Título II (das persoas criminalmente responsables dos delitos), artigo 31 bis 1, onde se fala das responsabilidades penais ás que están sometidas as persoas xurídicas. Tamén temos a ISO 37301, un estándar internacional con consellos e directrices para implantar sistemas de xestión de "Compliance" nas empresas. Unhas e outras guíannos nunha correcta aplicación do "Compliance" empresarial.
Como levar o "Compliance" á empresa
De entrada, partimos de dúas áreas de actuación básicas: a que lle afecta á normativa externa en vigor e o seu cumprimento e, doutra banda, a faceta interna de cada organización, con normas que definen códigos de conduta e formas de actuar propias da empresa.
En calquera caso, a aplicación do compliance lles afecta a todos os departamentos e áreas da empresa, sexa cal sexa o seu tamaño ou actividade.
Estes son algúns dos aspectos principais que debedes ter en conta para unha eficaz utilización do "Compliance" na vosa empresa:
• A nivel interno, debe servir para identificar, analizar e avaliar potenciais riscos penais. Hai que definir procedementos que sirvan para coñecer aquelas condutas que poidan considerarse delituosas.
• Contar con medidas para resolver dúbidas e incidentes e, se hai incumprimentos, executar accións disciplinarias.
• Dotarse dos recursos humanos, económicos e técnicos necesarios para levar á práctica os obxectivos establecidos.
• Aplicar as normas "Compliance" en políticas de contratación e promoción da empresa.
• Designar claramente que departamento ou persoa se encargará de supervisar e xestionar o cumprimento da norma. En moitos casos, tamén realizará funcións de asesoramento.
• Informar a todo o persoal da empresa sobre a estratexia de "Compliance". Resulta fundamental a concienciación e o compromiso de todos para un eficaz cumprimento real.
Mediante o "Compliance", cuestións como a ética, o respecto, a integridade, a responsabilidade e a profesionalidade recóllense nunha cultura empresarial que repercute nun mellor ambiente laboral, nunha maior eficiencia e nun cumprimento normativo.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co teu asesor persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario. E para estar ao día das últimas noticias síguenos en LinkedIn.