Os chatbots son unha nova forma de aprender inglés dun xeito máis divertido e interactivo.
Na época estival o que menos apetece é ir a clases presenciais de inglés e os chatbots permítenche aprender nos teus momentos libres e cando che apeteza.
Un chatbot é un programa informático que funciona a través dun sistema de intelixencia artificial e co que podemos manter unha conversación. Existen chatbots para Facebook Telegram e diferentes apps.
Nesta ocasión ímonos centrar nos chatbots que nos ensinan a manter conversa en inglés.
Duolingo
A app para aprender idiomas hai uns meses que estreou o seu chatbot, polo momento soamente dispoñible para iOS, en inglés, francés e alemán. Está previsto que posteriormente se incorporen máis idiomas. Os chatbots de Duolingo responden en inglés e en tempo real aos usuarios a través de diferentes personalidades, un chef, un chofer ou un policía e, se é necesario, corrixen os erros do usuario.
Actualmente este chatbot non conta con recoñecemento de voz e soamente se pode chatear a través de texto.
Mondly
Esta app tamén inclúe chatbot para conversar en máis de trinta idiomas e está dispoñible en Android e iOS). A través do micrófono do teu móbil podes practicar conversacións de situacións cotiás. Seránche moi útiles cando teñas que falar noutro idioma.
Andy
É outra app que che axuda a practicar e a aprender inglés e que tamén inclúe un chatbot para que leves a cabo conversacións para mellorar a túa aprendizaxe e solucionar todas as dúbidas que che vaian xurdindo. Está dispoñible en Android e en iOS.
Para empezar a mergullarte no mundo dos chatbots en inglés, podes ir practicando con estes tres, pero se xa utilizas algún, cóntanos a túa experiencia.
Ata a próxima!
Gif de mashable.com.