O Concello de Ferrol contará cun novo Centro de Operacións de Ciberseguridade (SOC). E a posta en marcha e xestión deste espazo foi adxudicada á UTE que lidera R, xunto ao noso socio tecnolóxico INNOVASUR.
Trátase de blindar a seguridade dixital do Concello de Ferrol cun Centro de Ciberseguridade operativo dende este outono para que o consistorio ferrolán siga avanzando na protección de infraestruturas, sistemas dixitais e comunicación cidadá municipais.
Principais obxectivos do Centro de Operacións de Ciberseguridade
O obxectivo fundamental é reforzar globalmente os sistemas de información municipais e os servizos públicos que presta o Concello para protexer as persoas e empresas usuarias ante calquera ameaza dixital.
A través deste centro quérese garantir a seguridade de infraestruturas, comunicacións e servizos dixitais do concello ferrolán. Tamén se melloran as súas capacidades de prevención, detección e resposta ante incidentes cibernéticos en todo momento.
Para iso potenciarase o control continuado en remoto de procesos durante as 24 horas do día os sete días da semana, co obxectivo de detectar canto antes e en calquera momento, entre outros, intentos de subtracción de datos, secuestros de dispositivos, suplantación de identidades ou calquera tipo de ataques ás infraestruturas tecnolóxicas municipais.
O novo centro terá a capacidade de blindar todas as comunicacións e relacións telemáticas municipais, sobre todo a través da súa páxina web, da sede electrónica e das aplicacións móbiles. Redúcese así o risco de que se materialicen incidentes cibernéticos que lle poidan afectar á seguridade do Concello.
A posta en marcha deste Centro de Operacións de Ciberseguridade finánciase cos fondos "Next Generation" da UE no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España e sitúa o concello de Ferrol, con R como provedor, á vangarda das cidades galegas en materia de ciberseguridade e resiliencia dixital.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co teu asesor/a persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario. E para estar ao día das últimas noticias síguenos en LinkedIn.