O operador galego R e a Fundación Celta de Vigo renovaron un ano máis o seu acordo de colaboración nun acto celebrado no Salón Rexio da sede do club na cidade olívica.

Ao encontro acudiron o director da Fundación Celta, Germán Arteta, o director de R e de MasOrange en Galicia, Alfredo Ramos e Rubén Martínez, membro do padroado da Fundación, ademais de membros do equipo e corpo técnico do Celta Integra Zelnova, dando imaxe así ao valor social deste proxecto.

O convenio revalida o compromiso de R co club e subscribe o seu apoio ao equipo de fútbol Celta Integra Zelnova para contribuír á mellora constante e á adaptación social do equipo e dos seus integrantes, do colectivo D.I. (con discapacidade intelectual). Desta maneira, dáse percorrido ao apoio do operador galego a este conxunto que compite en LaLiga Genuine, a iniciativa de LaLiga dirixida a persoas D.I. Un apoio incondicional para avanzar na inclusión, na integración social e na promoción de hábitos saudables a través do deporte.

O director de R, Alfredo Ramos, expresou a súa satisfacción por continuar impulsando esta alianza: “En R estamos moi satisfeitos/as de axudar, tempada tras tempada, a un proxecto que vai máis aló do fútbol. E sempre destacamos que o Celta Integra Zelnova nos brinda a oportunidade de impulsar valores como a solidariedade, o respecto, o xogo limpo e, sobre todo, a inclusión social. Revalidar hoxe esta colaboración é reafirmar a nosa convicción de que o deporte pode mellorar vidas e construír unha sociedade máis xusta e cohesionada”.

Pola súa banda, Germán Arteta, director da Fundación Celta, destacou a importancia desta relación continuada: “Agradecemos a R o seu apoio constante e a súa implicación incondicional. A súa colaboración foi decisiva para reforzar a visibilidade do noso proxecto e para impulsar iniciativas que fomentan o desenvolvemento persoal e social dos nosos xogadores. Este compromiso inspira a seguir medrando e a avanzar cara a un deporte cada vez máis inclusivo e diverso”.

Rubén Martínez, membro do padroado da Fundación Celta, insistiu tamén no impacto humano do acordo: “O maior desexo destes/as mozos e mozas é gozar do fútbol, e proxectos como o Celta Integra Zelnova fan que ese soño sexa posible. O respaldo de R axúdanos a manter viva unha iniciativa que, ademais de deportiva, ten un enorme valor social. Oxalá sigamos camiñando xuntos moitos anos máis”.

Presenza de R na competición

Durante a tempada 2025-26 de LaLiga Genuine, o logotipo de R seguirá presente no equipamento oficial dos xogadores e do corpo técnico (manga dereita e peito), así como na web do Celta Integra Zelnova. Esta visibilidade reflicte o compromiso compartido por ambas as dúas entidades para impulsar a mellora continua e o desenvolvemento social, neste caso dos/as xogadores/as do colectivo D.I. que compoñen o equipo.

Unha mensaxe inspiradora cargada de valores sobre a realidade do equipo recóllese no documental “Os que nunca se renden”, realizado no marco do programa Celta Integra Zelnova.

Oito tempadas apostando pola inclusión

LaLiga Genuine cumpre xa oito tempadas dende a súa creación, consolidándose como un referente no binomio deporte+inclusión.

Os partidos dispútanse en formato de Fútbol 8 —catro tempos de dez minutos— e a competición desenvólvese en catro fases celebradas en distintas sedes do territorio nacional.

Ademais do marcador deportivo, o campionato premia o xogo limpo, subliñando a importancia dos valores que sustentan esta iniciativa.