Achégase a cea de empresa para celebrar o Nadal. Si, xa case pasou un ano dende a última vez. Así que de novo toca ese momento de exaltación da amizade do traballo cos teus compañeiros e xefes.
Para moitos a cea de empresa é unha obrigación, na que a asistencia é unha norma non escrita dentro da compañía. E para outros, para os que menos, é un pracer asistir a esta xuntanza, xa sexa porque é a “gastos pagos” ou porque lles apetece desfrutar cos seus compañeiros dun tempo de lecer.
Cando é unha obriga
Para os que a cea de Nadal é unha obrigación aquí van unha serie de consellos para facela un pouco máis levadía.
- Proponlle aos compañeiros cos que teñas máis trato quedar un pouco antes para ir “quentando motores” antes da cea. Así aproveitades para tomar un breve aperitivo e xa ides entrando na dinámica da cea.
- Evita ir cunha actitude negativa, “open your mind”. Seguramente que hai moita xente da túa oficina ca que apenas cruzaches algunha palabra. Pode ser unha boa ocasión para descubrir un novo compañeiro co que compartes moitos intereses e afeccións.
- Esquece os temas de conversación relacionados co traballo, recorda que estás fóra do horario laboral, aínda que estás rodeado de xefes e compañeiros. Hai moitos temas dos que falar, pero recorda sempre respectar as ideoloxías e relixións de cada un.
- Busca o momento oportuno para marchar. Non o fagas inmediatamente ao rematar o café, pero tampouco fai falla que vaias de copas se non che apetece. Se ves que a sobremesa se fai longa, non pasa nada porque sexas o primeiro en levantarse: alguén sempre ten que dar o primeiro paso. E case todo o mundo vai entender que teñas que marchar, porque todos temos vida .
- Para os que lles entusiasma asistir á cea de Nadal do traballo, pouco hai que aconsellar . Soamente que hai que respectar as opinións de todos os compañeiros e ter coidado co se comenta. Lembra iso de que te podes converter en “escravo das túas palabras".
Como organizar unha cea diferente?
Se es unha das persoas encargadas de organizar a cea de Nadal na túa empresa e estás farto de que sempre haxa críticas pola data, pola hora, polo lugar, polo menú, etc... non te preocupes, xa que nunca vai chover a gusto de todos.
Aquí van unha serie de propostas para facer algo diferente que pode que atraia máis a atención dos asistentes.
- Propón facer unha comida en lugar dunha cea. Pode que teña mellor acollida entre os asistentes. E se xa queredes ir de modernos, propón facer un brunch.
- Dá a escoller entre dúas ou tres datas para facer esta cea, comida ou brunch. E o mesmo cos lugares de celebración. Escolleranse os que indique a maioría e así haberá menos queixas e protestas.
- Organiza algún tipo de concurso ao longo da xuntanza. Así todo o mundo estará entretido e incluído na dinámica de grupos.
- Cambia o regalo do amigo invisible por un bingo de regalos. A idea é que os regalos non teñan un destinatario concreto e pode tocar calquera cousa, e de aí xurdirán as risas.
- Contrata a actuación musical dunha banda que faga versións coñecidas para a sobremesa. Outra opción é contratar a un monologuista para que vos faga pasar un bo rato e botar unhas risas.
- Entrega a cada empregado un regalo orixinal en nome da empresa para que recorden o Nadal deste ano, e o ben que o pasaron no evento. Os regalos solidarios sempre son unha moi boa idea.
E ti, como consideras a asistencia á cea de empresa: unha obrigación ou unha devoción?
Ata a próxima!
Imaxe de @kayleighharrington