Se es novo nisto de emprender é probable que ao principio che resulte difícil definir orzamentos ou que che custe cuantificar correctamente canto tempo dedicas a cada proxecto. Estas dúas preocupacións son tan amplas que poderiamos pasar un ano enteiro falando delas.

Se aínda te preguntas canto vale o teu traballo, hai algo que non estás a facer ben. A resposta debería estar no teu plan de negocio. Se aínda non o tes, non perdas máis tempo. Senta, saca a calculadora e pregúntate o seguinte: cales son os teus gastos mensuais fixos (aluguer, luz, teléfono, impostos, desprazamentos,...), que beneficio queres conseguir, cantos días libres queres ter ao ano, canto tempo dedicas a vender o teu produto, a reunións, a orzamentos ou cantas horas invistes na consecución de cada proxecto.

Un dos puntos máis complicados desta lista é conseguir definir con exactitude canto tempo dedicas a cada tarefa.  Non te preocupes, con estas 3 app nunca máis terás que botar a conta da vella para saber en que invistes o teu tempo.

Toggl

Toggl permíteche contabilizar de maneira minuciosa cantas horas dedicas a cada tarefa. A través dun temporizador e un sistema de etiquetas podes rexistrar cada unha das túas tarefas e obter informes de produtividade. Escolles o proxecto no que estás a traballar, etiquetas ao cliente ao que pertence e picas no temporizador. O reloxo empeza a contar. Cando acabes, só tes que deter a tarefa. Toggl fai o resto. Aglutina os tempos segundo cliente e proxecto para que saibas con exactitude canto tempo lle dedicaches a cada un.

Podes probar esta app sen investir un só céntimo se descargas a súa conta básica. Ademais, poderás utilizala esteas onde esteas e sincronizar todas as túas follas na nube. Toggl ten versión web, versión escritorio,  app para iOS (descárgaa aquí  de Apple Store) e  app para Android (descárgaa aquí de Google Play)

Hours

Hours é unha das aplicacións mellor valoradas para contabilizar horas de traballo. Funciona de maneira similar a Toggl. Describes unha nova tarefa e pos o temporizador en marcha para que empece a correr. Cando a tarefa conclúa, só tes que deter o temporizador. Unha liña de tempo mostrará o resumo das túas tarefas diarias.

Do mesmo xeito que Toggl, podes probar Hours sen investir un céntimo. Iso si, se queres ver gráficas de produtividade terás que abonar as súas versións premium: Hours Pro e Hours Team.

Se queres probar Hours podes facelo utilizando a súa versión web ou descargar aquí a súa app para  iOS. A día de hoxe, non ten versión para android.

atWork

atWork vai un paso máis aló que Toggl e Hours.  A parte de facer un seguimento do tempo que invistes con cada tarefa, podes levar o cálculo do diñeiro que gañaches con cada proxecto. O funcionamento é moi sinxelo, anotas a que proxecto e cliente pertence cada tarefa. Cando empezos a traballar, só tes que darlle a play ao temporizador.

Ademais, podes xerar informes segundo día, semana, mes ou ano e descargalos en .CSV (un formato que permite envorcar calquera dato nunha folla de cálculo)

Aínda que atWork non conta con versión web, nin escritorio é totalmente gratuíta. Só está dispoñible para iOS. Podes descargala aquí.

Se aínda non es capaz de contabilizar ao detalle as horas que dedicas a cada un dos teus proxectos, utiliza unha destas app. Grazas a elas descubrirás como optimizar mellor o teu tempo. Quizais descubras que compensa ter máis reunións a través de VinR  ou que debes avogar polo traballo colaborativo utilizando aplicacións como nubeR.