O blog é, xunto á web, as redes sociais e o email márketing, unha das ferramentas da comunicación 2.0. Ter ou non ter un blog pode marcar a diferenza na relación que mantés cos teus clientes. A decisión non depende do sector ao que pertenzas, senón das ganas que teñas de ser transparente co teu público e de achegarlles información de valor. Todos temos historias que contar que nos axudarán a conectar co noso público, o importante é se estás disposto a contalas.

Se segues lendo só atoparás razóns para animarte a escribir un blog corporativo. Iso si, só funcionará se es constante. Estás disposto a aventurarte á comunicación 2.0? Descobre as vantaxes.

Aposta por un blog corporativo se estás disposto a...

Mellorar a imaxe de marca

O blog corporativo é unha ferramenta de comunicación. Cóidaa. A través del estás a transmitir imaxe de empresa non só cando falas de ti, senón tamén cando escribes sobre outros temas de interese. Dende o deseño, ao contido ou ao ton de comunicación que elixas, todo inflúe na imaxe que transmites. Dispoñer dun blog e actualizalo periodicamente asocia a nosa marca co valor da transparencia. Gústanos falar da nosa empresa porque estamos orgullosos dela e queremos achegala ao público.

Xerar conversación

A comunicación das empresas deixou de ser unidireccional. A imaxe da nosa marca está formada polo que nós comunicamos e polo que opinan de nós: a través de redes sociais, a través de foros e blogs. Se queremos estar presente na conversación e poder responder con dilixencia a unha posible crise de reputación online, debemos dispoñer dos instrumentos precisos: un blog, perfís nas redes sociais e ferramentas de monitoraxe para saber que din de nós. O dispoñer dun blog permite á empresa humanizar o discurso da marca e falar de xeito directo cos seus clientes.

Hai empresas que convidan aos seus empregados máis dotados para a comunicación a escribir cos seus propios perfís. Mesmo hai directivos que se animan a falar con voz propia no blog. Esta práctica, ademais de dar máis credibilidade aos contidos, achega a empresa aos seus clientes.

Convirte a túa marca en editora

O éxito dun blog radica en achegar información de valor. Se nos limitamos a falar de nós mesmos e a mirarnos o embigo, non teremos visitas recorrentes. Debemos situarnos como expertos do noso sector, identificar os intereses da nosa audiencia e escribir sobre iso. Existen millóns de blogs xenéricos, pero non tantos especializados. Consegue que che busquen porque ofreces contido único e relevante, ben pola súa especialización, pola súa orixinalidade ou porque consiga emocionar.

Interactuar coa audiencia

O blog permítenos manter unha relación máis directa cos nosos clientes, que poden interactuar coa marca a través de comentarios no blog. Ademais de funcionar tamén como posible canle de atención ao cliente, é unha boa maneira de obter feedback directo sobre produtos ou servizos. Iso si, para que a interacción funcione é indispensable que respondas con regularidade e inmediatez os posibles comentarios.

Gañar visibilidade en buscadores

Os blogs contribúen a mellorar o posicionamento en buscadores. Xa sabemos que a Google encántalle o contido. Por que non ofrecerllo? Cun blog terás contido actualizado periodicamente, único e de calidade, que ademais che proporcionará tempo de estancia na páxina. Todos os factores que prima o buscador  para situar unha páxina. Ademais, se identificaches as palabras crave polas que queres que os teus clientes consigan atoparte, o blog é unha ferramenta crave para mellorar o posicionamento por eses termos.

Captar tráfico

O blog non é unha canle de venda directa, non o esquezas. Se estás a tentar vender os teus produtos en cada post será mellor que peches a túa bitácora. Debes entendelo como unha ferramenta de márketing e como un modo de captar tráfico á túa web ou á túa tenda online. Se escribes sobre temas de interese, terás visitas que chegarán ao teu blog e poden acabar na túa tenda online ou na túa tenda física. Pode que non sexa inmediato, pero o retorno do investimento existe. Iso si, sempre despois dun traballo constante.

E se despois de ler todas estas vantaxes estás convencido de abrir un blog pero estás asustado porque descoñeces a tecnoloxía, non te preocupes. As plataformas máis coñecidas para publicar blogs, como WordPress ou Blogger, son moi intuitivas para o usuario. Comunicar nunca foi tan fácil!