Os datos son tan necesarios como vulnerables e toda empresa que desexe facer bo uso e aproveitamento deles debe coidar a súa privacidade e a súa seguridade. Estamos a falar de información moi sensible que necesitades protexer axeitadamente, de aí a necesidade de contar cun bo sistema de backup.
Un backup é unha copia de seguridade dos datos. Resulta rechamante que a día de hoxe aproximadamente un 30% das pemes aínda non dispoñen dun sistema de backup, tendo en conta as moitas opcións que existen no mercado entre as que podedes elixir en función das vosas necesidades:
- Backup completo: copia a totalidade dos datos periodicamente. É unha grande opción se se necesita un envorcado completo de información, pero conta con desvantaxes como a necesidade de dispoñer dun grande espazo de almacenamento e a escasa optimización de tempos e recursos, xa que non se adoitan modificar continuamente todos os arquivos senón só unha parte deles; así que non cómpre estar continuamente realizando copias de arquivos que xa gardamos.
- Backup diferencial: copia soamente aqueles arquivos que son novos ou sufriron modificacións, aínda que en ocasións non son quen de detectar con total precisión que cambios concretos xa foran copiados anteriormente. Máis eficiente.
- Backup incremental: evolución do modelo diferencial que xa é quen de evitar redundancias en cambios xa copiados, aínda que resulta pouco operativo se necesitamos a totalidade dos datos, xa que teriamos que recompilar os sucesivos backup realizados. Segue sendo máis eficiente.
- Backup espello: copia completa dos datos sen compresión.
Hai non tanto tempo, adoitabamos realizar copias dos nosos documentos en discos ou dispositivos físicos que gardabamos na oficina ou nos levabamos a casa; a día de hoxe, isto realízase dunha forma moito máis profesionalizada e trasladouse á nube combinando backups completos e incrementais. Actualmente pódense realizar backup de servidores, de bases de datos e mesmo de máquinas virtuais tanto en destinos locais como na nube, a opción cada vez máis utilizada. No caso de R dispoñemos dun servizo de copia de seguridade remota que permite facer copias de seguridade a través de internet de forma segura cifrando tanto a información almacenada como a transmitida entre os equipos do cliente e o noso datacenter.
En suma, as empresas necesitades un sistema de backup que, sen malgastar recursos, coide a seguridade integral das vosas bases de datos e que vos garanta que a vosa información sempre está accesibles e é recuperable, ademais de estar protexida.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta con noso equipo da área comercial Empresas.