Sexa cal sexa o sector no que traballa a vosa empresa e o seu grao de dixitalización, necesitas atender e coidar a súa seguridade. No mercado existen múltiples solucións para protexer a información da organización; e o antivirus é, posiblemente, a primeira na que pensas.
En termos xerais, un antivirus é un software que detecta, bloquea e elimina accións maliciosas no equipo xeradas por calquera tipo de malware. A día de hoxe, é imprescindible dentro do conxunto de solucións dirixidas a coidar a ciberseguridade no conxunto da empresa.
Como funciona un antivirus?
Tradicionalmente usábase un modelo baseado na detección a partir da análise e a comparación coa base de datos na que se ían recompilando os diferentes tipos de malware recoñecidos, para os cales se creaba unha chamada sinatura ou ‘vacina’ específica. O problema asociado a este funcionamento é que só detecta ameazas xa existentes e coñecidas e non funciona ante perigos novos ou descoñecidos; e se algo temos claro a día de hoxe é que os ataques e fraudes electrónicos evolucionan e actualízanse rapidamente, así que esta situación levou a unha nova era de antivirus baseados agora na heurística.
A heurística é un sistema baseado na Intelixencia Artificial que serve para a detección do malware aínda non identificado e, ademais, grazas á súa elevada capacidade de anticipación a partir da análise avanzada de datos, é quen de detectar ameazas mesmo antes de que cheguen ao usuario final. Trátase de solucións proactivas que permiten poñer o foco en arquivos susceptibles ou sospeitosos de ser maliciosos aínda que ata ese momento non consten como malware en ningún sitio e que traballan tanto por comparación con perigos xa detectados como a partir da análise do funcionamento de novos elementos en contornas de proba ou individualizadas.
A capacidade de detección dos antivirus que integran solucións de Intelixencia Artificial increméntase considerablemente respecto aos modelos tradicionais, pero é necesario que sexan rigorosos para non xerar falsos positivos. Cómpre tamén que sexamos conscientes de que se trata de ferramentas máis complexas, cuxo funcionamento require de maiores recursos, e isto lle pode afectar ao conxunto das aplicacións da vosa organización. Os máis avanzados realizan xa estas tarefas na nube, liberando os equipos desta carga de proceso e incrementando o rendemento (Panda, Bitdefender…).
A combinación e suma das vantaxes dun e doutro sistema de antivirus é a máis recomendable; en calquera caso, o indispensable é que dispoñades na vosa peme dun antivirus sempre actualizado, que vos protexa das múltiples ameazas que cada día circulan e se reinventan na Rede.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións de seguridade antimalware para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta con noso equipo da área comercial Empresas.