O smartphone converteuse no noso fiel acompañante. Usámolo para comunicarnos con familia e amigos, estar informados, localizar un lugar... e, cada vez máis, tamén se converte nunha auténtica oficina.
No mercado existen un bo número de apps útiles para que traballar co móbil nos resulte sinxelo e, sobre todo, eficiente.
Para traballar en equipo
O traballo colaborativo sen contacto físico é unha realidade en tempos de dixitalización e pandemia. Trello ou Slack contan con prácticas apps que fan posible organizar proxectos e traballos conxuntos nos que todos os implicados estean informados e teñan acceso en tempo real á documentación.
Google é un auténtico achado de apps gratuítas que resultan tremendamente útiles para realizar tarefas habituais. Unha delas é Google Drive, ideal para traballar con documentos, arquivos, presentacións e follas de cálculo, e que mesmo permite traballar sen conexión a internet. Google Docs, pola súa banda, está pensada para traballar con documentos de maior tamaño, de forma individual ou compartida en tempo real, gardados na nube. Unha das opcións quizais máis descoñecidas de Google é Google Duo, ideal para facer chamadas rápidas aos teus compañeiros ou clientes.
Para comunicarvos co voso equipo, Microsoft Teams, Zoom, Skype, Hangouts ou Jitsi Meet son grandes opcións para realizar videoconferencias de grupo sen demasiadas complicacións. As diferenzas entre elas adoitan radicar no número de asistentes permitidos, na necesidade -ou non- de rexistrarse e nas posibilidades de gravación da reunión.
Se necesitades un espazo ao que subir arquivos compartidos, Dropbox é unha grande alternativa. Outras opcións son Box, que tamén garda na nube os documentos, OneDrive ou Zoho Docs; todos eles contan con apps que podedes instalar comodamente nos vosos teléfonos.
Para usos máis especializados
When I Work é unha app cada día máis popular entre as pemes pois permite xestionar a planificación de persoal e mellorar a comunicación, especialmente en canto aos horarios, xa que facilita un reloxo de tempo a cada traballador.
Sabemos que as facturas son un quebradizo de cabeza para moitas pemes. Quickbooks é unha app para realizar a facturación electrónica, levar o control de inventarios e ingresos e realizar a contabilidade en liña dende o voso smartphone.
Outra opción é Invoice2go, unha app útil para enviar facilmente facturas baseadas en plantillas. Tamén podedes usala para pagos en liña ou informes.
Se sodes usuarios habituais do formato PDF, resultaravos interesane Adobe Fill & Sign, que vos permitirá encher campos, editar textos ou asinar dixitalmente este tipo de documentos.
CamScanner, pola súa banda, serve para escanear e gardar documentos de todo tipo, con posibilidade de facer pequenos axustes. Os documentos escaneados poden editarse tras o proceso, engadirlles anotacións e, se se instala o complemento OCR (Recoñecemento Óptico de Caracteres), extraer o texto das imaxes.
Para buscar e editar imaxes
Cando necesitedes traballar con imaxes, probade con Canva. Elixes unha plantilla e personalizas o deseño ao teu gusto, o cal a converte nunha ferramenta idónea para crear imaxes ou mesmo banners.
Pexel, un dos bancos de imaxes de stock máis populares, dispón tamén dunha completa app dende a que poderedes descargarvos imaxes gratuítas e variadas. E Adobe Spark é unha app de Adobe pensada para crear gráficos e deseños a partir de plantillas.
Para mantervos informados
Estar informado non é unha opción, senón unha necesidade, e para iso está Feedly. Unha boa forma de manterte ao día da actualidade é esta app que permite acceder a todas as noticias e actualizacións de blogs e demais páxinas. Se ademais queredes organizar ou gardar algúns dos contidos, Pocket permitiravos administrar listaxes de lectura que consultar en calquera momento.
Para anotar e lembrar
Google dispón dunha aplicación de notas con soporte multiplataforma chamada Google Keep. Nesta mesma liña, á marxe de Google, son interesantes Evernote e OneNote, apps coas que poderás crear un sistema personalizado para os teus apuntamentos, compartilos con outras persoas ou integrar arquivos doutros formatos, como vídeos.
Pola súa banda, Wunderlist é unha axenda virtual que vos permitirá organizar e compartir a lista de tarefas. A súa app conta cun deseño sinxelo e versátil que permite moverse rapidamente por todas as pestanas de forma rápida e programar alertas, avisos e demais recordatorios útiles.
Como vedes, coas apps actuais, non hai tarefa que non se poida realizar dende o móbil. A clave está en elixir aquela que mellor se adapte ás vosas necesidades.