Xa comezou a campaña da Renda e este ano vén acompañada dunha novidade importante: unha app que che permitirá facer a túa declaración da renda dende o teu móbil ou tablet.

A ver se este ano che é máis fácil e rápido facer a declaración, que xa sabemos que sempre por estas datas comezan os quebradeiros de cabeza .

A través desta app poderás tramitar a túa declaración, despois de revisar que todos os teus datos estean en orde no borrador. Ademais, podes e solicitar que os traballadores de Facenda se poñan en contacto contigo para darlle solución ás túas dúbidas.

Está previsto que máis de 4 millóns de contribuíntes se beneficien desta app para facer a renda correspondente ao 2017. Pero ollo!, non se poderán tramitar todas as declaracións a través da app, soamente as máis sinxelas e das que o Fisco teña toda a información ben completiña. En caso contrario, o mellor é que completes toda a info en Renda Web.

App oficial

A app é gratuíta para Android e iOS e está dispoñible en varios idiomas, entre eles o galego. Hai que andar con ollo á hora de descargala, xa que hai moitas máis apps sobre a declaración da renda. Lembra que oficial só hai unha, a que pertence á Axencia Tributaria de España.

widget

Para poder descargar a app é preciso que o teu móbil teña un sistema de verificación da identidade a través dun pin, patrón ou pegada dactilar. Unha vez que esteas dentro da aplicación, tes que identificarte a través da #referencia (aquí hai que incluír o teu NIF e dato do recadro 450 da declaración da renda do pasado ano), da Cl@ve PIN ou do certificado electrónico.

Ata 20 perfís

Ademais, pódense rexistrar ata 20 perfís de usuarios para facilitar o trámite das declaracións de familiares e achegados. E tamén é útil para coñecer se é mellor facer a declaración individualmente ou de xeito conxunto.

E para estar ao tanto de como vai todo o proceso da túa declaración, podes configurar avisos por se hai algunha novidade ou incidencia. Dese xeito, recibirás as novas que afectan á Axencia Tributaria.

Recorda antes de comezar a tramitar a túa declaración debes revisar que todos os teus datos estean correctos. E tamén contarás coa opción de revisar a declaración do pasado ano para cotexar todos os datos.

Como facer cambios na declaración da renda?

A primeira visualización da túa renda será en formato pdf, así será máis fácil revisar todos os datos. Lembra que se tes que facer un cambio hai que ir á Renda Web e modificar os datos precisos. Alí xa se gravarán para todos os dispositivos dende os que accedes á túa declaración.

Despois das mil revisións, podes enviar a declaración cun único clic. Unha vez enviada, a app indicarache un Código Seguro de Verificación (CSV) que che permitirá acceder en calquera momento á declaración.

E se te dás conta de que tiñas uns datos erróneos e xa enviaches a declaración? Poderás rectificar os datos, pero sempre e cando sexa ao pouco de tela enviado. Na derradeira pantalla, despois do envío, tes a opción de “Modificar a Declaración”.

Xa ves este ano parece que vai ser máis doado facer a declaración, xa nos contarás! E recorda que tes ata o 2 de xullo para enviala, polo que non o deixes para o último momento.

Un saúdo!

Lembra que podes seguir a nosas novidades en Twitter, Facebook, Instagram e na nosa canle de Telegram.

imaxe de unsplash.com/@brucemars