A tecnoloxía avanza a un ritmo vertixinoso e continuamente temos novidades e avances. De entre todos eles, dúas das tecnoloxías que acaparan máis atención na actualidade son a Intelixencia Artificial e Internet das Cousas. E cal é o resultado da combinación de ambas? Cales son as súas utilidades?
AIoT son as siglas coas que nos referimos a Intelixencia Artificial das Cousas e xorde da combinación de tecnoloxías de Intelixencia Artificial (IA) e infraestrutura da Internet das Cousas ou Internet of things (IoT).
Dado o potencial de IA e de IoT, non é de estrañar que se procuren sinerxías que maximicen as súas opcións e beneficios. En concreto, o concepto AIoT debémosllo ao tecnólogo visionario Kevin Ashton, un dos pais fundadores de IoT, empeñado en dotar de autonomía funcional en tempo real os obxectos conectados á Rede.
Porque con IoT dótase de conectividade a Internet a obxectos e dispositivos e, coa IA, outorgámoslle a capacidade de aprendizaxe automática. Sumando ambos, temos unha nova tecnoloxía (AIoT) capaz de dotar de autonomía os dispositivos utilizados para IoT, de tal maneira que tamén poidan predicir situacións, analizar datos ou tomar decisións. Deste xeito, a Intelixencia Artificial leva as súas capacidades aos obxectos conectados de IoT e, doutra banda, benefíciase das posibilidades de recompilación e intercambio de información de IoT.
Para abordar esta tecnoloxía, requírese dunha arquitectura AIoT capaz de xestionar o conxunto das aplicacións ou datos resultantes. Pode facelo no propio dispositivo (no bordo ou Edge) ou ben na nube, mediante solucións cloud.
Ademais, se tamén engadimos as capacidades das redes 5G, o número de posibles dispositivos interconectados medra, do mesmo xeito que a velocidade de resposta, e con iso o número de aplicacións que se benefician das tecnoloxías de IA e IoT, xuntas ou por separado.
Obxectivos de AIoT (Intelixencia Artificial das Cousas)
En termos xerais, o obxectivo fundamental de AIoT é maximizar os beneficios de IoT apoiándose na IA. Pero hai máis:
• Desenvolver tecnoloxías e solucións máis intelixentes e eficientes.
• Optimizar a xestión e a análise de datos recompilados por IoT sen necesidade de intervención humana.
• Axilizar as interaccións entre humanos e máquinas.
• Xestionar inxentes cantidades de datos e extraer patróns ou tendencias rapidamente.
• Conseguir sistemas e dispositivos tecnolóxicos con capacidade de autocorrección, actualización, adaptación e personalización.
• Mellorar procesos e actividades empresariais, reducindo riscos, aproveitando sinerxias e mellorando a experiencia de cliente/a.
Aplicacións prácticas da AIoT
A tecnoloxía AIoT é xa unha realidade en diferentes empresas e múltiples sectores, aínda que non sempre sexamos conscientes diso. Onde se está aplicando a tecnoloxía AIoT?
Está a axudar a crear solucións intelixentes para as cidades, recompilando datos en tempo real sobre tráfico ou iluminación e actuando de maneira autónoma, sen intervención humana. Tamén no campo, adaptando os sistemas de rega á climatoloxía; ou nos vehículos autónomos, elixindo a mellor ruta.
Nas nosas casas permite reducir o consumo de enerxía ou auga recomendando (ou directamente executando) en función dos nosos hábitos e necesidades. Grazas a AIoT, a nosa neveira pode xestionar a cantidade de alimentos que temos, dicirnos que debemos comprar, establecer prioridades e mesmo propoñernos receitas.
A listaxe de aplicacións prácticas é ampla e segue en alza:
• Teléfonos intelixentes
• Smartwatches ou pulseiras intelixentes
• Tradución simultánea
• Electrodomésticos
• Asistentes de voz
• Redes sociais
• Sistemas de recomendación de contidos. Plataformas de streaming, webs, RR.SS., buscadores...
• Aplicacións de vixilancia intelixente
• Vehículos autónomos
• Smart City. Xestión do tráfico, medidores da calidade do aire, emerxencias...
• Eficiencia enerxética en vivendas e empresas
• Labores agrícolas. Sistemas de rega, predicións meteorolóxicas...
• Control remoto e seguimento da saúde
• Xestión de frotas
• Sistemas de recoñecemento facial e control de accesos
• Robótica
Así que non hai dúbida de que a Intelixencia Artificial das Cousas (AIoT), combinación de IA e IoT, é unha tecnoloxía con gran potencial e que achega moitas vantaxes a empresas e usuarios/as.
Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas, subscríbete ao noso boletín ou contacta co/coa teu/túa asesor/a persoal ou co noso equipo da área comercial empresas a través do seguinte formulario. E para estar ao día das últimas noticias síguenos en LinkedIn.