A Coruña acollerá a Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), un organismo pioneiro que consolida a Galicia como polo tecnolóxico e ábrelle a porta a unha infinidade de oportunidades empresariais vinculadas a un ámbito, o da Intelixencia Artificial (IA), determinante na transformación dixital dos nosos días.

Que é a AESIA?

AESIA é a nova Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial. Trátase dunha aposta novidosa pola innovación e a tecnoloxía. De feito, España convértese no primeiro país da Unión Europea en contar cunha axencia pública de supervisión da Intelixencia Artificial (IA).

Por que era necesaria a creación deste organismo? A idea é xerar un ecosistema e un polo de innovación e atracción de talento especializado en materia de intelixencia artificial ou supervisión dos sistemas. Así que un dos primeiros pasos era a elección dunha sede.

E finalmente esta futura Axencia contará cunha localización estratéxica no noroeste de España, na Coruña.

Cales son as funcións da AESIA?

A futura Axencia converterase no centro neurálxico e motor do desenvolvemento en materia de Intelixencia Artificial, nexo de unión entre entidades públicas e privadas e entre rexións que nos sitúa ante un escenario con gran potencial, moi aberto a novas ideas e proxectos.

En termos xerais, as súas funcións serán:

  • Asesoramento a empresas e sector público para o desenvolvemento e uso da intelixencia artificial.

  • Establecemento e posta en marcha de proxectos piloto e espazos controlados de probas.

  • Definición, organización e xestión dun marco voluntario de certificación para empresas que permita ofrecer garantías sobre o deseño responsable de solucións dixitais.

  • Concienciación, divulgación e formación en relación co desenvolvemento e uso da intelixencia artificial ética e confiable. Este obxectivo complétase co denominado Nodo Galicia, un proxecto conxunto das tres universidades galegas para establecer un marco normativo adecuado para a IA.

  • Coordinación de actividades de observación do impacto social da intelixencia artificial.

  • Apoio ao desenvolvemento e uso de sistemas de intelixencia artificial enerxeticamente eficientes e sostibles.

Que supón a AESIA para Galicia?

A posta en marcha da AESIA supón un revulsivo económico e social para Galicia. De entrada, suporá un investimento público inicial de cinco millóns de euros e a súa creación implicará a xeración duns cen empregos directos.

A AESIA converte Galicia nun gran polo tecnolóxico de referencia que potenciará aínda máis a importancia dun sector que xa conta con gran dinamismo e actividade na nosa terra, pois actualmente somos a 5ª comunidade con maior número de firmas TIC e contamos con dous hubs de innovación dixital.

A axencia representa un grande incentivo para o emprendemento, a creación e o desenvolvemento de empresas vinculadas a unha das áreas chamada a ser determinante nunha sociedade cada día máis dixitalizada e automatizada.

Tamén supón un gran impulso para a investigación en materia de Intelixencia Artificial. Neste sentido, resulta clave a colaboración público-privada para o aproveitamento das múltiples posibilidades que xorden en Galicia coa AESIA e a posta en marcha de proxectos de carácter local, nacional e internacional. Ademais, o seu carácter pioneiro convértea nun modelo para outros países e iniciativas similares.

Neste sentido, hai que lembrar que a Unión Europea está a apostar forte pola Intelixencia Artificial e que, ademais, A Coruña forma parte da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, o cal ábrelle a porta a unha maior cooperación transfronteiriza e permite a creación dun hub ibérico que reúna coñecementos e experiencia.

A atracción e retención de talento é outro dos grandes beneficios que deixa a AESIA. Incrementaranse, crearanse e diversificaranse as demandas de perfís profesionais vinculados á IA. Ademais, falamos de oportunidades laborais con alto nivel de especialización e con enormes posibilidades de futuro.

No ámbito formativo, precisamente este ano púxose en marcha na Universidade da Coruña o novo Grao en Intelixencia Artificial, unha fantástica oportunidade para a xeración de emprego especializado e cualificado que marque a diferenza.

aesia_la_terraza
Imaxe de: Turismo de Galicia

BAI Analytics, o noso equipo especializado en Intelixencia Artificial

En R levamos tempo apostando pola Intelixencia Artificial. Cremos que a IA pode axudarvos a conseguir procesos máis eficientes, a reducir riscos ou a mellorar a experiencia dos vosos clientes grazas ao uso das últimas ferramentas e á análise avanzada de datos.

Por iso contamos con BAI Analytics, un equipo especializado que cobre as necesidades comerciais, tecnolóxicas e científicas de Intelixencia Artificial nas vosas empresas.

Dende a nosa experiencia e coñecemento traballaremos conxuntamente con administracións públicas, universidades e empresas para lle tirar o máximo partido ás grandes posibilidades que supón a posta en marcha da AESIA en Galicia.

Se queres saber máis sobre as nosas solucións tecnolóxicas para empresas baseadas en Intelixencia Artificial, subscríbete ao noso boletín ou contacta co noso equipo da área comercial empresas a través do teu asesor persoal ou seguinte formulário.